Site icon Crónica3.com A Mariña

A zona de xogos do Parque Rosalía de Castro abriuse este xoves tras efectuarse diversas melloras nas últimas semanas

Burela, 27 de febreiro de 2014. Este xoves quedou aberta ao público a zona de xogos para os nenos e nenas de mediana idade no parque Rosalía de Castro. O alcalde, José Mª González Barcia, subliñou que por primeira vez unha instalación deste tipo obtén unha certificación de adaptación á normativa da Xunta de 2003 en materia de seguridade.

O rexedor anunciou que “hoxe pola mañá abrimos ao público a zona de xogos para os nenos medianos no parque Rosalía de Castro, que se cambiou ultimamente cunha subvención da Xunta de Galicia. Entendemos que significa unha mellora substancial nas condicións do parque, tanto no que se refire á zona para os nenos medianos como ao espazo dos máis pequeniños, na que tamén se fixo algunha mellora”.

González Barcia referiuse ás manifestacións públicas feitas ultimamente por parte dos grupos políticos da oposición: “temos que dicir, con total claridade, que se non abrimos antes ao público o parque era porque estábamos pendentes de que se acometesen unhas obras para mellorar substancialmente a seguridade dos nenos, precisamente. E non hai ningunha relación entre a obra en si con este retraso: a obra fíxose en prazo, tal e como estaba previsto, pero quixemos que por primeira vez o Concello de Burela cumpra co decreto do ano 2003, sacado pola Xunta de Galicia, sobre a adecuación dos parques infantís en canto a medidas de seguridade para evitar lesións, fundamentalmente na cabeza, aos nenos usuarios dos mesmos”. O alcalde explicou que “para iso nosoutros pedimos a emisión dun certificado por parte dunha empresa cualificadora autorizada para verificar se a seguridade do parque, fundamentalmente no que se refire ao grosor do solo, cumpría os requisitos establecidos no real decreto ou non. E como había algunha zona, en concreto dúas delas, onde a seguridade do parque non estaba garantida ao cen por cen optamos por non abrilo ao público precisamente ata que non se corrixise esa situación”.

O rexedor burelés subliñou que “non hai nada anómalo en ningunha cuestión ao respecto: non hai ningún tipo de problema cos xogos, que están debidamente homologados; non hai ningún problema coa obra en si, que está feita como ten que ser. E o problema do retraso débese a que para pegar o corcho requírese que o solo estea absolutamente seco e dáse a circunstancia de que desde o Nadal ata agora estivo chovendo de forma practicamente continuada. Polo tanto sería absurdo por parte do Concello proceder a pegar o corcho para abrir o parque con urxencia, sen garantir precisamente que o solo estivese compacto. Nosoutros, actuando con prudencia, o que fixemos foi retrasar a posta en marcha da zona para nenos medianos do parque Rosalía de Castro para garantir a seguridade conforme á normativa vixente e non provocar ningún custo innecesario porque a condición para que o corcho poida pegar e compactar e que o solo estea absolutamente seco”.

José Mª González Barcia indicou que “nós, dende o Concello, o tempo meteorolóxico non o controlamos e tampouco é a nosa intención. E por a miña parte, como alcalde, non teño ningún reparo en pedir desculpas polo retraso. Pero ao mesmo tempo digo que se retrasou para mellorar a seguridade dos nenos e nenas usuarios do mesmo, o que non queremos nunca é que pasen sucesos tristes, como por exemplo o de Rivas Vaciamadrid non hai moitas semanas e que todos sabemos cales foron as súas consecuencias”.

Críticas a PSOE e BNG
Ao alcalde de Burela parécelle “unha posición de oportunismo político a postura adoptada tanto polo grupo socialista como polo grupo mixto. Os dous tiveron acceso a toda a documentación do expediente desta obra e o único que souberon facer foi ruído. En ningún momento aportaron ningunha solución concreta, soamente pedían que se abrise o parque canto antes e que o alcalde explicase o que había que explicar. O alcalde explica o que hai que explicar no momento no que o alcalde entende que hai explicar as cousas. E o alcalde pide disculpas cando entende que debe pedir disculpas, non me doen prendas nin teño ningún tipo de reparo á hora de pedir disculpas, outros aínda non pediron disculpas por algunhas das súas fechorías despois de que se lles teña pedido reiteradamente”.

O rexedor sinalou que “nós, como equipo de goberno e eu coma alcalde, a quen me debo é ao conxunto dos cidadáns e non ao que diga ou opine un grupo político determinado ou concreto, polo tanto como precisamente nosoutros e eu persoalmente me debo aos cidadáns é por iso polo que agora que está aberto o parque é cando se explican os motivos dese retraso, que por certo xa se dixeron nalgún outro momento, precisamente nun pleno celebrado no Concello de Burela. No capítulo de rogos e preguntas preguntaron por que non se abría o parque e xa se contestou naquel momento, pero parece ser que como non houbo eco mediático despois había que saír a bombo e prato creando alarmismo, fomentando incluso que os nenos usaran o parque aínda que estaba valado e actuando cunha enorme irresponsabilidade”.

Finalmente González Barcia manifestou que “a partir de agora se temos oportunidade e sae algunha subvención destinada a parques infantís pedirémola para fundamentalmente mellorar a seguridade dos parques que temos agora en Burela; non para crear uns novos senón para mellorar a seguridade dos que xa temos agora, que creo que é fundamental. Por vez primeira o Concello de Burela ten unha certificación de que unha instalación de parque infantil cumpre os requisitos marcados polo decreto do ano 2003 da Xunta de Galicia ao respecto”.

Exit mobile version