Ribadeo, 25 de febreiro de 2014. A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, nega as acusacións que nas últimas horas se realizaron desde Amadores da Música sobre a visión da propia concelleira a respecto da formación dunha nova charanga composta por músicos da Banda Municipal.
A edil nacionalista referiuse ao escrito da directiva da asociación Amadores da Música: “en primeiro lugar desvincúlome totalmente das acusacións que se fan neste escrito relacionadas coa miña persoa, que me parecen desafortunadas. Dise que me extra limitei nas miñas funcións e unha serie de cousas respecto a unha charanga que se crea ao marxe de Amadores e da Escola de Música”.
Álvarez Lastra manifesta “o meu total apoio á escola e á Banda Municipal de Ribadeo como un ente totalmente indivisible. Polo o que levou á reunión coas persoas que estaban facendo esta charanga non foi máis que explicarlles que eu considero que a escola e a banda deben ir sempre da man, posto que a banda bebe dos músicos que se forman na escola e de feito a maior parte dos que están na banda formaron parte da escola nalgún momento ou aínda están nela. Como ese ente indivisible a Escola de Música Municipal de Ribadeo ten unha charanga onde se convidou e sempre participaron membros da asociación Amadores da Música”.
A concelleira de Cultura explicou que “este ano xurde a iniciativa dunha serie de rapaces e rapazas que queren facer unha charanga. A min paréceme moi ben e entón non teño nada que dicir a este respecto. Pero piden as instalacións da Escola Municipal de Música para ensaiar e eu antes de denegárllelas e dicíndolles que eu non lles vou denegar o uso das instalacións, tamén lles comento que ningunha charanga de Ribadeo ensaia nesas dependencias. Entón convoquei unha reunión para explicarlles esta consideración para ver cal era a súa versión e sobre todo para darlles a miña visión. Sei que son persoas que están vinculadas á Escola de Música, pero entendo que o centro e a que banda son indivisibles e que non me gustaría que se transmitise unha imaxe de división cara a fóra”.
Mariluz Álvarez Lastra engadiu que “en todo momento dunha maneira cordial, e por iso nego as acusacións que se fan neste escrito, foi unha reunión de intercambio de impresións. Eu mesma, como concelleira, antes de denegarlles nada e ofrecéndolles as instalacións da Escola de Música a pesar de que ningunha charanga ensaia alí, fixemos un intercambio de impresións porque considero que son persoas maduras. Expúxenlles a miña visión do que eu considero que debera ser a charanga e a escola, pero en ningún momento negando a existencia desa charanga nin limitándolles que a fixeran. É máis, o único cuestionamento que fixen é que o martes de Entroido da Escola de Música sairía unha charanga, como ven saíndo todos os anos, e posto que eles non forman parte desta non deberían saír de aquí”.
A concelleira nacionalista non entende que “neste momento delicado, no que a asociación Amadores da Música está cunha directiva en funcións e hai unhas eleccións á vista, queiran mostrar publicamente esta imaxe”. E insistiu en que “en ningún momento esta concelleira se extra limitou nas súas funcións, foi unha relación cordial de intercambio de impresións. Pode gustar máis ou menos o que eu digo, estou totalmente de acordo. Podo dicilo máis alto ou máis baixo, pero a miña idea e a premisa fundamental é a Escola de Música e a Banda como un ente totalmente indivisible para todo. Polo tanto se hai unha charanga da escola dende hai cinco anos esa debe ser a que saia das instalacións do centro coa participación voluntaria de profesorado, persoas que están na banda, alumnado, pais, nais, … E o que se forme ao marxe dela deberá ir pola súa conta”.
Álvarez Lastra cre que “intercambiar estas impresións coas persoas que formaban parte desa nova charanga, que son a maior parte deles músicos da Banda, e darlles a miña visión en ningún momento supón nin intimidación nin nada parecido. O meu total apoio para que a fagan e incluso a cesión das instalacións en último termo para poder ensaiar aquí. Creo que como persoas debemos falar e cambiar impresións, porque non temos porque ter a mesma visión. E eu defendo a opinión de socios de Amadores da Música que desde fóra poden ver outra cousa. Entón apelo á unidade e ao sentido común por todas as partes”.