O Burela Pescados Rubén afronta outro derbi galego, nesta ocasión medirase ao Cidade As Burgas, undécimo clasificado con 20 puntos, nun duelo correspondente á xornada 18 da Primeira División que se disputará no pavillón ourensán de Os Remedios, sábado día 15 a las 17.00 horas.
A escadra burelesa, segunda con 43 puntos, intentará sacar rentabilidade á xornada xa que o Alcorcón recibe en Santo Domingo ao líder, Atlético de Madrid, e un pinchazo das colchoneiras permitiría reducir as diferenzas na loita polo liderato. O conxunto dirixido por Quico Otero quere ampliar o seu pleno de vitorias nos derbis galegos e para iso deberá ofrecer a súa mellor versión ante o Cidade As Burgas. O equipo ourensán revitaliza a súa competitividade baixo o amparo de Os Remedios onde a súa afección arroupa sen cesar ás pupilas de Manolo Codeso.
O técnico ourensán dispón dunha plantilla que combina experiencia e mocidade; Candela e María Romero xa mostraron o seu talento en Vista Alegre durante o Campionato de España Sub 17, ademais do tradicional selo loitador que as caracteriza. O Burela Pescados Rubén parte como favorito na parrilla de saída do derbi aínda que as burelesas non poderán contar con Maite nin Paula. A motivación e ambición en defensa do título liguero laranxa e a súa maior calidade son argumentos poderosos para conquistar os tres puntos, especialmente nunha xornada marcada en vermello polos candidatos ao título de Liga.
A capitá do Burela Pescados Rubén recibiu a Segunda Carabela da XXII Gala do Deporte Ferrolano. Lidia quedou en segunda posición como Deportista do ano 2013 con trece puntos, por detrás dos 18 puntos do medio do Celta Álex López. A terceira finalista foi a atleta Claudia Rojo, campiona nacional xuvenil, con 11 votos.