Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela tenta volver á normalidade tras o paso da borrasca Ulla que obrigou a pechar o porto ao tráfico rodado e peonil

Burela, 14 de febreiro de 2014. Burela tenta volver pouco a pouco á normalidade tras o paso da borrasca Ulla pola comarca, que deixou varias incidencias.

O porto burelés foi pechado ao tráfico rodado e de peóns na mañá deste venres, debido a que o forte vento estivo a ocasionar a caída de chapas de varios inmobles nesa zona. Da nave de redes desprendéronse esta mañá varias chapas da cuberta. Segundo acaba de manifestar o alcalde, José Mª González Barcia, “a previsión é mantelo pechado ata que remate a alerta desta borrasca ás 15 horas. Aínda que se irá vendo cómo está o tempo pola tarde e si fose necesario seguiría ou volvería pecharse”.

Na rúa Pardo Bazán caeu unha cheminea dun edificio que impactou contra 7 coches, “afortunadamente non ocasionou danos persoais”, segundo explicou o rexedor. Na rúa Concepción Arenal volou a cuberta dun patio de luces e caeron árbores en varias zonas. O Concello decidiu suspender todas as actividades previstas para esta tarde nas instalacións deportivas municipais.

José Mª González Barcia referiuse ao corte no subministro eléctrico que se produciu ás 12:28 minutos desta mañá e que lle afectou a toda á comarca: “arestora en Burela aínda estamos sen luz. As empresas subministradores teñen que estar preparadas e teñen que ter estas cousas previstas. Non se pode deixar a toda unha comarca paralizada durante horas. ¿Quen se fai cargo das perdas e dos danos ocasionados nas empresas, nos comercios, na hostalería?. En pleno século XXI isto non se pode volver repetir”.

A primeira hora da tarde, o subministro eléctrico foi reestrablecido.

Exit mobile version