Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebra o Día da Muller Traballadora con actos ao longo de dous meses

Cervo, 17 de febreiro de 2014- O Concello de Cervo deu hoxe a coñecer todos os actos previstos para conmemorar o Día da Muller Traballadora, que se celebra o día 8 de marzo pero que no municipio prolongaranse durante case dous meses. Nesta ocasión, ao igual que na anterior edición, o Concello conta coa colaboración das tres asociacións de mulleres: Alborada, Mulleres Rurais As Espalladoras e Mulleres de San Ciprián.

O programa xa arrincou a comezos de febreiro, cando se comezou a disputar o Campionato de Tute e Parchís no que participan unhas 40 mulleres e que se xoga na Casa do Mar. E esta semana, en concreto mañá, iniciarase o curso de defensa persoal, que se desenvolverá ata o día 27 de marzo, os martes e xoves a partir das 18:30 horas no Ecomuseo de Cervo. Esta iniciativa ponse en marcha de novo, despois de que rexistrase moito éxito de participación durante a conmemoración do Día en Contra da Violencia de Xénero.

O acto central será o 7 de marzo e incluirá numerosas actividades ao longo do día. A primeira comezará ás 18 horas (Casa do Mar), e consistirá nunha homenaxe á muller cervense; e continuará co Café Bombón e o concurso “A mellor amiga”, no que parellas de amigas terán que responder preguntas sobre a súa compañeira para saber quen coñece mellor a quen.

As iniciativas continuarán no auditorio da Casa da Cultura (20 horas) coa actuación do Grupo de Tai-Chi, organizado pola asociación Alborada, e a música do grupo Mar Aberto, que ás 20:30 horas ofrecerá “Cantos para mulleres”. Ás 22 horas dará comezo unha cea no restaurante Buenavista organizada pola asociación Mulleres de San Ciprián e na que tamén haberá sorteo de agasallos e a entrega de premios do campionato de Tute e Parchís. A xornada rematará co Gran Baile organizado pola asociación Mulleres Rurais As Espalladoras, a partir das 00:00 horas na Casa do Mar.

Dentro do mesmo programa, a delegación de Igualdade ofrecerá un curso de cociña, que estará impartido por Pilar Martínez, autora do blog http://www.lacocinadelechuza.com/ e veciña de San Ciprián. O curso desenvolverase entre os días 10 e 14 de marzo, ambos incluídos, na Casa do Mar. O Concello informará no seu momento da apertura do prazo de inscrición.

Ademais, convocarase un concurso de poesía en contra da discriminación, cuxas bases estarán dispoñibles a partir do 10 de marzo na Casa da Cultura e no Concello. A clausura do programa terá lugar o 28 de marzo, ás 18 horas, coa entrega de diplomas do curso de defensa persoal, unha merenda e a actuación do grupo de teatro O Bordelo, de Cervo, que ofrecerá a súa obra “A fonte dos soños”.

Exit mobile version