Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo e Burela acollerán do 1 ó 4 de maio o XXII Congreso Anual de Periodipesca

Burela, 28 de febreiro de 2014. Cervo e Burela acollerán do 1 ao 4 de maio o XXII Congreso Anual de Periodipesca. Os dous alcaldes, Alfonso Villares e José Mª González Barcia, reuníronse esta mañá con membros da directiva deste colectivo para avanzar na organización do evento, que servirá para dar a coñecer os recursos turísticos de ambos municipios.

O rexedor burelés explicou que “hoxe pola mañá tivemos unha reunión aquí no Concello os alcaldes de Cervo e de Burela con membros da directiva de Periodipesca co fin de organizar desde os nosos Concellos o vixésimo segundo congreso Periodipesca 2014. Trátase dun evento de periodistas especializados en temas de caza, pesca, medio ambiente e de turismo rural e de aventura, que congrega tanto a periodistas de España como de Portugal. É un congreso ao que acoden xornalistas, escritores, reporteiros, columnistas e recoñecidos expertos nestas materias”.

González Barcia indicou que “a intención que temos os dous alcaldes é promocionar os nosos concellos, Cervo e Burela, en base á organización dun congreso de prensa especializada en materia medio ambiental, turística e de pesca. Os primeiros contactos fixéronse na edición de Fitur do presente ano en Madrid. Alí contactamos con representantes de Periodipesca que estaban interesados en que o seu congreso anual puidese celebrarse neste 2014 entre os concellos de Cervo e Burela”.

Os dous alcaldes sinalaron que “hai uns días tivemos unha reunión preparatoria no Concello de Cervo e na reunión de hoxe demos un paso adiante á hora de organizar este evento. En principio tería lugar do 1 ao 4 de maio e ao longo deses días habería distintas actividades dirixidas aos asistentes tanto nun concello coma no outro. Se está a barallar unha visita a Sargadelos e tamén visitas en Burela como a asistencia a unha poxa de peixe a primeira hora da mañá, entre outras posibilidades”.

Alfonso Villares subliñou que “se trata dun evento internacional que terá unha grande transcendencia mediática. Será moi importante para dar a coñecer os nosos concellos e repercutirá na economía local, tanto na hostalería coma no comercio”.

José Mª González Barcia dixo que “o número de periodistas que poden estar en Cervo e en Burela durante eses días é duns 50. Nós entendemos que pode ser unha boa fórmula para divulgar as capacidades turísticas que temos tanto un concello coma o outro a través de periodistas especializados e que sen dúbida ningunha van reflectir nos seus medios informativos as virtudes e os recursos que temos Burela e Cervo”.
Nas vindeiras semanas haberá unha terceira e última xuntanza para concretar de forma definitiva cal será o programa das actividades e dos distintos actos que se ofrecerán aos asistentes ao congreso anual de Periodipesca, que está previsto que se celebre en Cervo e en Burela a principios do vindeiro mes de maio.

Exit mobile version