Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo financia con fondos municipais as axudas aos centros educativos cun importe de 4.000 euros

Cervo, 14 de febreiro de 2014- O Concello de Cervo entregou este venres os cheques das axudas aos centros educativos do municipio, entre os que repartiu preto de 4.000 euros. En concreto, o CEIP Cervo, o CEIP Cervo nº1 e o IES Marqués de Sargadelos recibiron cada un 1.250 euros. No acto estiveron presentes o alcalde, Alfonso Villares, a edil de Educación, Pilar Armada, e representantes dos tres centros.
Unha subvención que, ao igual que todas as que convoca o Concello, está financiada con fondos propios municipais. Neste caso, as axudas van destinadas aos centros educativos, que poden dispoñer dos cartos para diferentes iniciativas. Así, poden destinalos a organizar actividades que sexan beneficiosas para a comunidade escolar, ou tamén para facer pequenas obras de mantemento e mellora das instalacións. En definitiva, con estas axudas os centros poderán ver melloradas as posibilidades de ensino e tamén os edificios para conseguir un maior benestar.

Hai unhas semanas o Concello entregou tamén os cheques para axudar ás ANPAS dos tres centros educativos co mesmo obxectivo de colaborar para mellorar instalacións e incentivar actividades. Naquela ocasión tamén se repartiron preto de 4.000 euros.

Xunto con estas liñas dirixidas aos colexios e ás ANPAS, o Concello ten habilitadas tamén subvencións para as familias, en concreto para axudalas a asumir certos gastos derivados da educación dos fillos, como o transporte ou libros e material escolar.

“No Concello levamos xa moitos anos ofrecendo estas subvencións, que son una excelente maneira de axudar e apoiar a educación, e en concreto aos centros, ás asociacións de pais e nais, ás familias, ao alumnado e ao profesorado” explica a edil de Educación, Pilar Armada.

Exit mobile version