Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde esixe, unha vez máis, o rescate do servizo de electromedicina ante as deficiencias no mantemento de IBERMAN no Hospital da Costa

Transcorridos seis meses desde a privatización do servizo de electromedicina a empresa adxudicataria, IBERMAN, S.A. segue sen cumprir o contrato. A CIG-Saúde denuncia que, malia as graves consecuencias que isto está a ter na prestación do servizo o SERGAS elude as súas responsabilidades, cando o que tería que facer sería rescatar o servizo antes de que a situación sexa irreversíbel.

A CIG-Saúde denuncia que esta empresa “non ten a solvencia que se precisa para asumir o mantemento de equipos electromédicos cunha mínima garantía” e dá conta dunha morea de problemas cos equipos médicos, incubadoras, equipos de esterilización, mesas de quirófano, máquina de osmose no Barco de Valdeorras; mamógrafos en Burela; incubadoras, arcos cirúrxicos e berces térmicos en Lugo; equipos de citoscopias en Coruña; equipos de raios, insufladores endoscópicos en Pontevedra ou equipos de endoscopias, electrocardiógrafos e camas eléctricas en varios hospitais.

Un dos últimos dos que ten constancia é co telemando de Montecelo, na sala de RX de Dixestivo que antes mantiña outra compañía e que comezou cunha avaría intermitente alá polo 10 de febreiro que foi a maiores até que quedou inutilizado totalmente o 19 de febreiro.

Asegura que durante todos eses días Iberman foi incapaz de arranxalo até que chamou a Philips que, nun día, o arranxou. O equipo comezou a funcionar de novo o 22 de febreiro pero polo medio tiñeron que se anular bastantes citas. O máis grave é que o xoves día 20 houbo que anular as CPRE (Colanxio pancreatografia retrógrada endoscópica e Dixestivo) que se fan nesta sala.

Tamén ten constancia de problemas cun equipo de raios x do Ambulatorio Virxe Peregrina, que leva dúas semanas parado e un espirómetro, que leva máis dun mes inutilizado.

Lembra que “todos os informes técnicos recollen que para garantir a seguridade de doentes e usuarios na xestión da tecnoloxía sanitaria, é necesario que o seu mantemento sexa efectuado por persoal con cualificación específica que siga os protocolos do fabricante e, ademais, empregue pezas orixinais cuxa validez quedara demostrada na avaliación da conformidade realizada no proceso de certificación para o marcado CE”.

Subliña ademais que o 25% dos efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria teñen que ver co uso inadecuado ou deficiencias no mantemento e denuncia que o que esta a ocorrer coa empresa adxudicataria do concurso de electromedicina, é que “incumpre en toda a súa extensión as recomendacións cualificadas, non se respectan os protocolos establecidos polo fabricante, non se empregan pezas orixinais, non existe garantía das reparacións, non existen protocolos que determinen o bo funcionamento de equipo”.

A CIG-Saúde lembra ademais que o propio Director de Recursos Económicos do SERGAS, Pablo Torres Arrojo recoñeceu que existían fallos na execución do contrato que minimizou considerando pero que “son de pouca importancia”.

Ante estas declaracións, a CIG-Saúde denuncia que “non lles provoca ningún problema recoñecer que pagamos un elevado custe por un mal servizo”. En todo caso, considera que o que si esta demostrada é a “boa relación coa empresa privada e o custe que pagamos todas/os por este deficiente servizo”.

Neste sentido sinala que Torres Arrojo ten adxudicado ao Grupo Empresarial Electromédico IBERMAN, S.A. o servizo de mantemento de diversos hospitais, por un montante total que supera os 33 millóns de euros: Hospital Comarcal Gutiérrez Ortega de Valdepeñas (199-2001) importe total 2.800.00,00 euros, Hospital Universitario Clínico San Carlos, Madrid (2001-2008) 2.790.000,00 euros o 14/8/2003 e 2.790.000 euros o 8/9/2005. Hospital Universitario Principe de Asturias, Alcalá de Henares (2008-2009) importe total 2.630.400 euros e SERGAS (2013- ) importe 25.142.003,19 euros.

Exit mobile version