Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron en Burela os traballos de limpeza tralos danos causados polo temporal no peirao e os paseos marítimos

Burela, 3 de febreiro de 2014. Comezaron os traballos de limpeza en Burela tras os danos causados e o material que o mar lanzou aos paseos marítimos e ao peirao esta fin de semana, segundo anunciaba este luns o alcalde, José Mª González Barcia.

O rexedor explicou que “durante esta pasada noite a intensidade do mar baixou con respecto á anterior e polo tanto aquí, en Burela, practicamente non temos que apreciar ningún dano significativo con respecto ao que xa tíñamos. En concreto ao longo do día de hoxe se espera a presenza de persoal de Portos de Galicia aquí, en Burela, para que empecen a traballar na reparación do pantalán que quedou danado con temporal da noite do sábado ao domingo. Igualmente persoal de Portos de Galicia vai proceder á limpeza da propia superficie do peirao xa que o mar saltou polo espigón e deixou moitos materiais, incluso pedras, que evidentemente hai que retirar para deixar as explanadas portuarias en condicións para o seu uso”.

González Barcia tamén se referiu aos paseos marítimos: “tanto no do Cantiño, a primeira fase, como no que vai desde Portelo ata A Marosa o Concello, en concreto neste último, xa retirou aqueles elementos construtivos do muro do paseo marítimo que poden ser reutilizados; é dicir, aqueles que non romperon en definitiva. Vaise proceder tamén á limpeza do aparcamento que hai pola parte de atrás do campo de fútbol da Marosa. E tanto no caso do porto como no dos dous paseos marítimos Costas e Portos están xa avisados, saben perfectamente cales son as incidencias que se deron aquí, en Burela. Por sorte creo que desta libramos relativamente ben, a pesares de que os mariñeiros se levaron un gran susto e estiveron toda a noite do sábado ao domingo en vilo”.

O alcalde burelés engadiu que “aquí danos persoais non houbo e en propiedades particulares hai que salientar que no Cantiño o mar subiu por encima do acantilado e rompeu un muro que divide dúas fincas. Fóra disto non houbo ningún tipo de incidente no que se refire a propiedades particulares. E na praia do Curricán o mar traballou bastante, non causou ningún estrago nas últimas infraestruturas que se fixeron alí por parte de Costas, pero si deixou bastante area acumulada na estrada de acceso ao porto”.

Mañá non haberá clases na Escola de Música e quedan suspendidas as actividads deportivas municipais
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Mónica Pedre, acaba de anunciar que mañá suspéndense as clases na Escola Municipal de Música, tras a alerta vermella que se decretou para esta zona por mor dun novo temporal. Tamén quedan suspendidas as actividades deportivas municipais, segundo informa a concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro. A Comisión Escolar de Alertas da Xunta decidiu suspender a actividade escolar en todos os centros de ensino da Mariña.

Exit mobile version