Site icon Crónica3.com A Mariña

“Cústanos crer que se poidan xustificar esa cantidade de cartos en dietas polas inversións que se están a conseguir para o pobo” din os socialistas de Burela

Dende o PSdG-PSOE de Burela despois de ver a resposta que se dá dende o equipo de “desgoberno” de Burela queremos aclarar en primeiro lugar, que a nota pública feita dende o equipo de “desgoberno” non fai máis que confirmar que o que nós denunciamos é unha realidade, como non podía ser de outro xeito. O Sr. Barcia confirma publicamente diante de todos os veciños e veciñas que foron capaces de cepillarse preto de 20.000 euros en viaxes (máis de tres millóns das antigas pesetas), e aínda encima facelo con toda a naturalidade do mundo, a pregunta é: ¿Qué xestións se fixeron que favorezan os veciños e veciñas de Burela que poidan xustificar un aumento do 60% en dietas con respecto ó ano 2012? ¿Qué xestións fixeron as concelleira Mónica Pedre e Beatriz Piñeiro para xustificar que cada mes, por norma, cobren máis de 300 euros en dietas?. Está claro que o equipo de “desgoberno” de Burela perdeu definitivamente o norte e é un barco á deriva. Mentres moitos veciñas e veciños de Burela están a pasalo moi mal para chegar a fin de mes, e subida de impostos tras subida de impostos cada vez lles custa máis afrontar o día a día, eles non teñen problema e gastar 20.000 en viaxes.

Nun burdo intento por esconder, enganar e tapar as súas miserias o Sr Barcia alega que antes tamén se pagaban dietas. Pois claro que si Sr. Barcia, nós non estamos en contra de que se pague ó alcalde ou os membros da Corporación cando fai un viaxe en representación dos veciños e veciñas de Burela. Pero dende logo o que non se pode aceptar son as cantidades “astronómicas” que vostedes están a gastar para estes “menesteres”, e máis tendo en conta os resultados que son igual a cero. ¿Non se da conta Sr Barcia que coa metade dos cartos que levan gastado en dietas poderíamos manter aberta a oficina de turismo no verán dándolle traballo a un dos 796 parados que temos a día de hoxe no Concello e que seguro que aliviaría enormemente o drama que pode estar a vivir unha destas persoas paradas ademais de axudarlle ós hostaleiros e comerciantes do pobo, por exemplo?¿De verdade vostede está a optimizar os recursos do Concello con estes gastos superfluos? ¿Parécelle que os veciños e veciñas de Burela se merecen estes abusos? A nós dende logo que nos parece que non. Xa lle anunciamos que en canto cheguemos ó goberno de Burela estes abusos vanse a rematar, e vaise facer unha regulación do uso das dietas de desprazamento para evitar este tipo de situacións.

En todo caso, xa que o Sr. Barcia di que esas dietas están totalmente xustificadas esperamos que se atenda a petición feita polo Grupo Municipal Socialista e se entregue toda a documentación relativa a dietas para poder comprobar a xustificación de viaxes, contías de cada viaxe e xestión que se fixo na mesma, có fin de explicarlle ós veciños e veciñas de Burela en que se gastan os seus cartos. Solo faltaría que ademais deste dispendio, faltara a xustificación, xa que estaríamos a falar de cousas máis serias que terían que ser dirimidas noutras estancias, a nós cústanos crer que se poidan xustificar esa cantidade de cartos polas inversións que se están a conseguir para o pobo das que é realmente difícil de destacar ningunha.

Exit mobile version