Deste xeito o investimento da Consellería neste colexio nos últimos anos ascende a máis de 208.000 euros. Así, ademais da reparación anunciada, o departamento educativo da Xunta de Galicia leva realizado nos últimos anos diferentes melloras neste colexio, entre outras na instalación eléctrica e nos aseos de infantil. Durante a súa visita ao centro o conselleiro interesouse ademais polo funcionamento da biblioteca escolar deste centro, integrada no Plan de Mellora desde o seu primeiro ano de funcionamento; así como do Proxecto Abalar. Non en balde, o CEIP Vista Alegre comezou a formar parte deste proxecto de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino no ano 2012, e conta cun aula Abalar ademais de outra aula dixital que se instalou no colexio no ano 2011.
No seu percorrido polo CEIP, no que estudan 226 alumnas e alumnos o conselleiro estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia, José Jesús Ramos Ledo; e pola directora, Gema Cillero.
Visita ao IES Monte Castelo
Posteriormente Vázquez Abad desprazouse ata o IES Monte Castelo, onde o seu departamento leva investido preto de 96.000 euros, fundamentalmente na implantación de programas educativos novidosos. Ao abeiro deste compromiso, o instituto conta con 4 aulas Abalar; e a súa biblioteca escolar leva 6 cursos integrada no Plan de Mellora.
Ademais, o centro vai asinar hoxe mesmo contratos-programa en 2 liñas de actuación, en concreto nas de reforzo, orientación e apoio – na modalidade de apoio en horario lectivo- e na de mellora dos coñecementos para acadar a excelencia. No marco da primeira delas o centro ten previsto organizar actividades de reforzo en linguas vehiculares, técnicas instrumentais básicas, para a organización da axenda escolar, actuacións para promover a motivación do alumnado; así como obradoiros de educación emocional, educación para a Paz ou mellora da convivencia, entre outras accións. No caso da outra das liñas que hoxe asinará o IES Monte Castelo, prevense medidas como un obradoiro de técnicas pictóricas e achegamento ás vangardas artísticas, así como outro de cerámica creativa.