Site icon Crónica3.com A Mariña

Emerxencias eleva a nivel vermello a alerta deste sábado por temporal en todo o litoral galego

Santiago, 1 de febreiro de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia informa de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) acaba de elevar a nivel vermello de alerta por temporal costeiro que afectará a todo o litoral galego neste sábado 1 de febreiro.

Segundo as previsións da AEMET o temporal –cun nivel de alerta laranxa- notarase xa desde primeiras horas do día, con fortes ondas, sobre todo no litoral oeste e noroeste da Coruña e no litoral de Lugo. Xa pola tarde o nivel de alerta elévase a vermello para estas zonas da Coruña e Lugo, onde se acadarán ondas de oito metros e períodos de onda superiores a doce segundos.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das tres provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como permanecer alonxado de praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns ou todas aquelas zonas susceptibles de seren afectadas por un golpe de mar. E igualmente, revisar os amarres das embarcacións antes da chegada do temporal, evitar realizar prácticas deportivas e náuticas.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version