Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados da Mariña apoiará a concentración “por outra saída á crise” da Alianza Social Galega o xoves 27 en Burela

A Mariña, 25 de febreiro de 2014. O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña apoia e estará presente na manifestación convocada para o xoves 27 pola Alianza Social Galega que no caso da Mariña está prevista na Praza do Concello de Burela ás 19:30. O colectivo mariñao comparte as reivindicacións do manifesto aprobado polos colectivos convocantes xa que “nós somos tamén vítimas inocentes do espolio que, coa escusa das crise, se está a facer sobre as maiorías sociais ás que se lles recortan dereitos sociais, sanitarios, educativos, laborais expulsando, como o fixeron con nós noutros tempos, a centos de mozas e mozos á emigración.

REBAIXA DAS PENSIÓNS
O colectivo criticou a reforma das pensións “que se suma á xa efectuada en 2012 e pretende entregarlle en bandexa á banca e as aseguradoras unhas prestacións que deben manterse públicas”. Aseguran que a administración manipula a esperanza de vida para ir reducindo a contía das pensións que no caso galego son das mais baixas do Estado e lembran que no actual contexto de crise económica, hai familias que subsisten grazas ás pensión das persoas maiores.

ENGANO E EXPOLIO DA ADMINISTRACIÓN DE FACENDA
Emigrantes Retornados da Mariña acusou ao Ministro de Facenda de espolio “porque quere facer caixa rápida á nosa conta”, “nós non somos defraudadores, fomos enganados pola mesma administración que antes nos recomendou non declarar e agora nos impón sancións e intereses de demora”.

SANIDADE PÚBLICA EN DETERIORO CONSTANTE
Os emigrantes retornados da Mariña tamén fixeron mención ao proceso de degradación da sanidade pública “cada vez mais custosa e cada vez mais lonxe”, “co nivel medio de pensións que temos hai persoas ás que lles está resultando moi custoso asumir o repago dos medicamentos prescritos” e xa non digamos se te derivan a facer probas ou tratamentos fora da comarca, algo que cada vez é mais habitual.

O colectivo fai un chamamento a participar da manifestación prevista este xoves en Burela, “porque sobran os motivos para pedir cambios na forma en que se está xestionando esta crise”.

Exit mobile version