Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados da Mariña lamenta “a negativa do PP e PSOE de Lourenzá a levar a Pleno a iniciativa presentada no conxunto dos Concellos da comarca”

A Mariña, 22 de febreiro de 2014. O colectivo de emigrantes retornados da Mariña critica a negativa do Partido Popular a apoiar as nosas demandas, desta vez, no Congreso dos Deputados no marco do Pacto de Toledo onde se debatía unha iniciativa presentada pola Deputada do BNG Olaia Fernández Davila reclamando o cese das sancións e intereses de demora aplicados ao colectivo de retornados. Por outra banda lamentaron a negativa do grupo de goberno de Lourenzá para levar a pleno a moción que se está a presentar nos concellos da comarca. Ademais agradeceron ao BNG os intentos de forzar o seu debate que chocaron co non rotundo do Partido Popular e a inxustificable abstención do PSOE.

AS DEMANDAS DOS RETORNADOS VOLVEN TOPAR CO MURO DA INCOMPRENSIÓN, NESTA OCASIÓN NO CONGRESO.
O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña denunciou outro exemplo máis das “xa reiteradas negativas do Partido Popular a apoiar as súas demandas”, ao votar en contra dunha iniciativa presentada por medio da portavoz do BNG Congreso do Deputados, Olaia Fernández Davila, que reclamaba o cese das sancións e o cargo de intereses de demora ao colectivo, ademais de pedir a revisión dos convenios asinados polo Estado español con outros países a fin de evitar a dobre imposición.

Para o colectivo o Partido Popular, como sustento dos gobernos galego e español, “segue actuando como unha apisoadora que esmaga calquera posibilidade de facer xustiza con nós” , “ademais de tratarnos como delincuentes, cébanse en nós porque somos presa fácil para recadar nun período curto de tempo os fondos económicos que lles deixan de esixir aos evasores fiscais aos que premian con amnistías”. Non é de recibo que existan sentenzas xudiciais e resolucións da propia axencia tributaria dándonos a razón, sen que isto teña consecuencias na actitude xeral do Ministro de Facenda e dos representantes políticos do Partido Popular que nos seguen dando as costas.

EN LOURENZÁ NIN PP NIN PSOE APOIARON O DEBATE EN PLENO DA MOCIÓN DOS RETORNADOS
Emigrantes retornados tamén criticou á alcaldesa de Lourenzá e ao seu grupo de goberno por negarse a levar a pleno a moción presentada polo noso colectivo no conxunto dos concellos da comarca. Dende o colectivo non entenden a actitude da alcaldesa e e pediron ao Partido Popular na mariña que aclare as súas contradicións, “hai concellos onde nos apoian, outros que se absteñen, votan en contra e outros, como o de lourenzá onde directamente impiden o seu debate.

Dende o colectivo agradeceron ao BNG local o intento de levar a pleno a moción pola vía de urxencia unha vez que a alcaldesa se negou incluíla na orde do día topándose unha vez mais coa negativa do PP e coa abstención do PSOE.

Exit mobile version