Site icon Crónica3.com A Mariña

Emocionante duelo coa visita do UA Alicante ás laranxas

Ao Burela FS Pescados Rubén preséntaselle un emocionante duelo mañá na Primeira División RFEF coa visita a Vista Alegre do guerreiro UA Alicante, cuarto clasificado. O partido, no que as laranxas perseguirán a súa cuarta xornada sen coñecer a derrota, está previsto para as 18.30 horas; nel veranse as caras as dúas máximas goleadoras da elite, Peque (31) e Sareta (25).

“Tócanos unha xornada fronte a un rival de entidade, que xa enlaza sete citas con resultados positivos. O gol, con Sareta de referencia, e as transicións rápidas son as súas principais armas” explicaba o adestrador burelista, Quico Otero, facendo fincapé na concentración e capacidade de lectura do partido das xogadoras laranxas ante “o dominio de diferentes posibilidades de xogo do rival”.

Aludindo ao enfrontamento en terras alacantinas, con triunfo 2-5 para as da Mariña, o técnico laranxa prevé un desenvolvemento moi diverso: “Creo que se poderá ver un partido moi diferente; o da primeira volta queda moi atrás, eramos dous equipos en fase de adaptación con moitos cambios”. “Vai ser moi complicado porque nos medimos dous equipos que estamos nun bo momento, pero nós non temos outra opción se queremos seguir con opcións ao título. O obxectivo claro son os tres puntos; temos que saber xogar con esa presión e dominarnos nos momentos difíciles” sentenciaba Quico Otero.

O cadro mariñán realizará esta tarde o último adestramento da semana. Paula e Maite continuarán sendo baixa para mañá. Lara e Peque, recuperadas xa de senllas molestias, estarán dispoñibles ao cento por cento.

Rivais
Os rivais directos do Burela FS (46 puntos) parece que teñen unha axenda máis accesible. O líder madrileño (50 puntos) recibe o Soto del Real, 13º con 14 puntos, e o Ciudad de Alcorcón, dende a terceira praza (43 puntos), visita o Móstoles, 12º con 16.

Exit mobile version