Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Besteiro defende que “o campo é o futuro do país” na VII Xornada Técnica de Produción de Leite

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves a VII Xornada Técnica de Produción de Leite, que organizan AFRICOR e AFRIGA, coa colaboración do organismo provincial. Centos de gandeiros das catro provincias galegas déronse cita na Facultade de Veterinaria do Campus lugués para coñecer os últimos avances no sector lácteo da man de destacados expertos nacionais e internacionais co fin de mellorar a rendibilidade das súas explotacións.

Gómez Besteiro destacou a importancia que supón o sector lácteo para o emprego e a economía de Lugo e de Galicia en xeral, posto que xera 16.300 postos de traballo directos na Comunidade, dos que 6.500 son de Lugo. Trátanse dos empregos dos produtores de leite, que son capaces de acadar unha produción de 2 millóns e medio de toneladas en Galicia, das que 1,1 millóns proveñen de Lugo, a provincia galega coa maior produción. Só coa venda do leite, a Comunidade ingresa máis de 400 millóns de euros ó ano. Por todo isto, o Presidente salientou a relevancia de facer máis competitivas as explotacións, feito que pasa en gran medida pola implantación de innovadoras técnicas como as achegadas nesta xornada, para a riqueza de Galicia.

“Tendo en conta as posibilidades económicas do rural e que o 80% do territorio galego está sen producir, o campo é o futuro do país”, defendeu o titular provincial. Neste senso, lembrou o “firme compromiso co rural” da Deputación, que leva anos desenvolvendo proxectos en impulso do campo e contra a sangría demográfica. É o caso do primeiro centro público en España de recría de gando vacún, que está a construír en Castro de Rei, cuxa posta en marcha xerará novos empregos e beneficios, “que quedarán no país”.

Exit mobile version