Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia amósase satisfeito pola visita do Conselleiro de Educación a dous centros de ensino de Burela

Burela, 17 de febreiro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, amósase satisfeito pola visita cursada este luns a Burela polo conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, que pasou polo Concello, polo CEIP Vista Alegre e polo IES Monte Castelo.

O rexedor referíuse ao acto de Naturacción e subliñou “a colaboración entre a Fundación Alcoa e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre para, xunto coa Consellería de Educación e Cultura, favorecer que a poboación infantil de hoxe en día adquira hábitos que potencien o desenvolvemento sostible, hábitos que favorezan a preocupación e a conservación do noso medio ambiente natural. Trátase dunha iniciativa realmente importante e que pode dar grandes resultados xa non só no presente senón fundamentalmente a medio e a largo prazo”.

González Barcia lembrou que “desde hai anos tanto Voz Natura coma a Fundación Alcoa veñen potenciando por separado programas e actuacións tendentes á preservación do medio ambiente. Nese sentido a unificación de esforzos, sobre todo nos tempos que corren, onde a situación económica non é a máis favorable para levar a cabo iniciativas deste tipo, creo que é unha decisión de admirar e que por iso conta co respaldo pleno da Consellería de Educación e Cultura”.

O alcalde engadiu que “desde o Concello estamos dobremente satisfeitos. Por un lado porque dous dos centros de aquí de Burela, son dos máis antigos que teñen participado nas actividades que fomenta Voz Natura, o CEIP Vista Alegre e o IES Monte Castelo, e polo que estamos tamén satisfeitos é pola presenza hoxe aquí en Burela do conselleiro Jesús Vázquez para presidir un acto desta envergadura, que como digo unifica os esforzos de dúas fundacións de grande renome en Galicia: a Fundación Alcoa e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre”.

José Mª González Barcia indicou que “desde o Concello de Burela temos demostrado desde hai anos a nosa preocupación pola educación medio ambiental poñendo en marcha iniciativas coma a Aula Gaia e nese sentido amosámonos dispostos a colaborar con estas dúas fundacións, coa Consellería de Educación e cos centros de ensino de Burela. Tanto é así que as monitoras de Gaia participan de forma activa nas actividades que polas tardes se veñen desenvolvendo nos dous CEIP, tanto no Vista Alegre coma no Virxe do Carme”.

Exit mobile version