Site icon Crónica3.com A Mariña

Lagoa proclámase campioa das primeiras Olimpiadas Interparroquiais de Alfoz

O pasado sábado, día 22 de febreiro, remataron as Primeiras Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz, coa xornada dedicada ós Xogos Populares, e onde Lagoa se fixo co título.

Durante a sesión do sábado leváronse a cabo catro xogos. No primeiro, o tiro á corda, resultou vencedor o equipo de Lagoa, formado por Rubén Sánchez, Diego Mariño e Juanjo Fraga. No segundo, que era o de carreiras de sacos, venceu a parroquia de Carballido, representada por César Marrube. No terceiro xogo, lanzamento de paca de herba, venceu a parroquia de Terras Altas (composta por xogadores de As Oiras e O Pereiro), na que Alberto Martínez lanzou a paca ata 12 metros e 14 centímetros. Finalmente, na proba de carreira á cadeira da raíña, venceu a parroquia de O Castro, cun equipo formado por Xabier Pardiñas, Jesús Vizoso e Daniel Pérez. No cómputo total das probas de Xogos Populares houbo un triplo empate en cabeza, sendo campións os equipos de O Castro, Terras Altas e Reirado.

Os árbitros desta cuarta xornada das Olimpíadas foron Juan García e Mari Liz. Presentaron o acto Leni Níñez e Antonio Xesús Lorenzo “Cachín”.

Finalmente, fíxose o cómputo total de puntos para o total das Olimpíadas, resultando vencedora final a parroquia de Lagoa. A clasificación foi a seguinte:

Lagoa. 555 puntos.

O Castro. 517 puntos.

Bacoi. 506 puntos.

Carballido. 493 puntos.

Adelán. 468 puntos.

Terras Altas (Oiras e Pereiro). 467 puntos.

Mor. 446 puntos.

Reirado. 407 puntos.

Os membros das tres primeiras parroquias da clasificación recibiron medallas de ouro, prata e bronce. Todos os demais participantes recibiron un diploma acreditativo da súa participación nas Olimpíadas. Os diversos colaboradores como xurados, árbitros, etc. recibiron un agasallo.

As Olimpíadas remataron, pero o sentimento xeral de participantes e veciños é que volverán a celebrarse en vindeiras edicións, como forma de divertirse, participar e crear unión entre a veciñanza do concello.

Tamén merecen un nomeamento especial os capitáns das diversas parroquias, que foron os que co seu traballo reunindo xogadores, conseguiron que estas Olimpíadas puideran ser levadas a cabo.

Exit mobile version