LUGO, 17 DE FEBREIRO.- O Partido Socialista, logo das declaracións do secretario xeral do PP de Lugo -José Manuel Balseiro-, nas que califica de “oportunista” a reclamación realizada pola Vicepresidenta Segunda da Deputación e voceira do PSOE no Concello de Cervo –Lara Méndez- esta fin de semana na Mariña, subliña que “unha vez máis, o Sr. Balseiro e o Partido Popular quedan en evidencia, pois para eles o importante é criticar ás administracións que realmente están cos problemas da xente. Que máis dá que moitos mariñanos quedasen sen luz, que máis dá que gran parte dos destrozos estén precisamente en zonas públicas…. Para o PP isto é o de menos, o que realmente lle preocupa é que, novamente, a Deputación de Lugo, sen ter competencias, lle marca a axenda política á Xunta de Galicia. Isto é o que realmente lle molesta ó secretario xeral do PP”, afirman.
Fala de protagonismo e a Xunta “segue agochada”
Neste senso, os socialistas da provincia sinalan que “sabemos que ninguén é responsable da meteoroloxía, pero si de aplicar medidas que compensen as consecuencias. A Mariña foi unha das zonas máis devastadas, polo que ben merece un trato específico”. Por este motivo, denuncian que Balseiro fale de protagonismo, sobre todo, “se temos en conta a celeridade coa que o Presidente da Xunta visitou o santuario de Muxía, onde dixo que este se ía arranxar si ou si, e custase o que custase”.
“Lara Méndez é unha das representantes da comarca na Deputación. O seu deber e a súa obriga é velar polos intereses dos seus veciños, nin máis nin menos, non como a Xunta de Galicia que continúa agochada. Visitou algún cargo do Goberno galego a Mariña?. Onde estivo o Presidente Feijóo? Isto é o que ten que aclarar o Sr. Balseiro, xa que, a día de hoxe, o seu Partido non foi capaz de buscar unha solución ós cuantiosos danos producidos”, conclúen.
Continuidade ás demandas dos socialistas
O encontro da Vicepresidenta Segunda do organismo provincial non foi un feito alleo, senón que dá continuidade ás demandas realizadas polos socialistas nas últimas semanas. Foi este Partido o que alertou das graves consecuencias dos fortes temporais que azoutaron, principalmente, á Mariña luguesa, no Parlamento de Galicia e incluso no Senado, solicitando ós Executivos estatal e autonómico que activasen os protocolos necesarios para facer fronte a esta situación. Por tanto, o PSOE considera necesario que os Gobernos do PP dén explicacións e concreten as actuacións que teñen pensado levar a cabo para paliar os desperfectos ocasionados.