Site icon Crónica3.com A Mariña

López Penabad destaca a axuda da Xunta de Galicia para a Escola Municipal de Música de Ribadeo “a mellor das concedidas para a provincia de Lugo”

Ribadeo, 01 febreiro de 2014. A escola municipal de música de Ribadeo recibe unha axuda da Xunta de Galicia de 3.313,25 euros. O presidente do Partido Popular ribadense, Jesús López Penabad, destaca que é a maior das concedidas para a provincia de Lugo, o que demostra que as críticas do alcalde ao trato por parte do goberno galego a este Concello non teñen sentido.

“Empezou o ano 2014 e a Xunta de Galicia non se esquece dos ribadenses nin das escolas de música de toda a provincia. En concreto, estoume referindo a unha axuda para as escolas de música nunha orde de 31 de decembro de 2013 cunha convocatoria do 24 de setembro e que foi publicada onte, 31 de xaneiro de 2014, por un importe de 3.313,25 euros para a escola de música de Ribadeo”, manifestou Jesús López Penabad.

O presidente dos populares ribadense explicou que “seguimos anunciando estas axudas porque o alcalde quéixase sempre, pero aquí temos outra máis, xa ao empezar o ano. E curiosamente é axuda máis importante de toda a provincia. Xa sabemos que non é unha cantidade de diñeiro enorme pero en comparación co resto das escolas de música da provincia é a axuda máis grande. A seguinte, curiosamente, é para Monforte de Lemos, gobernado tamén polo BNG. Polo tanto, as queixas do alcalde polo trato que recibe o Concello de Ribadeo por parte do goberno galego non teñen sentido e aquí ten un exemplo máis”.

López Penabad rematou congratulándose de que dende a Xunta de Galicia “sigan acordándose de Ribadeo e hai que rebaterlle ao señor alcalde as súas queixas pola falta de axudas da Xunta: aquí ten outra máis no 2014 e así seguiremos durante todo o ano”.

Exit mobile version