Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio milleiro de persoas participaron na inauguración do pavillón de Ribadeo que se estreará este sábado cun torneo de mini basket

Ribadeo, 28 de febreiro de 2014. Arredor de 500 persoas asistiron ao acto de inauguración do novo pavillón polideportivo municipal de Ribadeo, a maioría os nenos e as da escolas deportivas do Concello e os seus pais e nais, ademais dos monitores.

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, foi o encargado de descubrir a placa situada no hall da instalación. Foi a institución provincial, a través da Área de Deportes, a que financiou a realización dunhas obras que hoxe son unha realidade e que mañá serán estreadas polos participantes dun torneo de mini basket no que se dan cita as seleccións masculinas e femininas de Madrid, País Vasco, Castela-León e Galicia.

Unha vez no interior da pista deportiva o alcalde, Fernando Suárez, destacou o esforzo realizado para que o pavillón fose unha realidade e pediulles a nenos e maiores que o coiden “como si fose a vosa casa para que dure moitos anos”. O concelleiro de Deportes, Vicente Castro, lembrou como se xestou o proxecto e agradeceu o traballo realizado polos técnicos e polos traballadores das empresas que fixeron a obra. E o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, dixo que “máis que un pavillón esta instalación é un pazo de deportes” e lembrou cando acudía a Ribadeo xogar ao fútbol sala no antigo pavillón “naqueles míticos maratóns de fútbol sala”.

Na pista deportiva o rexedor, o edil de Deportes e o vicepresidente da Deputación de Lugo estiveron acompañados pola practica totalidade da Corporación Municipal de Ribadeo. Ao finalizar as súas intervencións repartiron entre os nenos e nenas asistentes, tanto das escolas deportivas municipais coma do resto do público, unha bolsa/mochila conmemorativa.

Exit mobile version