Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural formaliza o contrato para a delimitación das novas parcelas na concentración parcelaria de Sasdónigas

Mondoñedo, 28 de febreiro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo agradece á Xunta de Galicia o novo impulso que vén de darlle á concentración parcelaria de Sasdónigas, coa formalización do contrato para a delimitación das parcelas.

O Diario Oficial de Galicia, DOG, publica este venres este avance na parcelaria de Mondoñedo tras que en data 21 de xaneiro de 2014 se formalizase o contrato para a realización da implantación dos novos predios resultantes do proceso de concentración parcelaria de Sasdónigas e que afectan a 252 propietarios.

Os populares explican que deste xeito o departamento do Medio Rural está a cumprir co compromiso adquirido polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, en resposta a unha pregunta do Grupo do Partido Popular no Parlamento de Galicia.

Dende o Partido Popular de Mondoñedo lembran que esta concentración parcelaria acumula máis de 45 anos de tramitación e tívose que esperar a que un goberno do Partido Popular chegase ao Goberno da Xunta de Galicia para que este proceso quedase desbloqueado, logo de superar as dificultades existentes fundamentalmente relacionadas coa necesidade de dispor do preceptivo informe de impacto ambiental e de salvagardar o Camiño de Santiago, que discorre pola zona.

Medidas para culminar o proceso
Os populares locais agradecen que se levase a cabo o compromiso posto de manifesto pola Xunta e agardan que se continúen a impulsar todas as fases do proceso, para que os veciños podan dispoñer canto antes dos títulos das súas propiedades, que afectan tanto a parcelas adicadas a labradío, como a prado e a monte.

A concentración parcelaria das Sasdónigas ten unha superficie que ascende a 625,58 hectáreas, cun total de 3.513 parcelas e 252 propietarios. Logo da execución do proxecto; o obxectivo é pasar a 609 fincas, e aumentar a superficie de media da parcela dos 1.781 metros cadrados antes da concentración aos 10.272 metros cadrados resultantes.

O PP de Mondoñedo considera que esta nova medida posta de manifesto polo departamento que dirixe Rosa Quintana demostra o compromiso da Xunta de Galicia co rural, co obxecto de combater a fragmentación histórica da terra que dificulta o desenvolvemento agrario.

Exit mobile version