Os gobernantes socialistas e populares optaron, xa que logo, por se pregar ao oligopolio colusivo das tres distribuidoras-comercializadoras dominantes (Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa) e por abandonar á súa sorte aos cidadáns e empresas deste País. Os primeiros, nun grande número, ficaron condenados á pobreza enerxética. As segundas, nomeadamente as empresas industriais, aturan uns custos desproporcionados que mancan a súa competitivade, cando non determinan a súa inviabilidade.
A reforma eléctrica do PP afonda, tamén, na absurda penalización dun autoconsumo que habería estar ben tratado, por acadar os custos de transporte e distriubución o 15% dos totais de posta na rede da enerxía producida. A maior abastanza, as novas reformas agravian aos países produtores de enerxía, como Galicia, que aturan os custos ecolóxicos da produción hidroeléctrica, térmica ou eólica recebindo en troques unha sobrepenalización, mentres a súa potencialidade eólica é destruída a mantenta. O réxime tarifario discrimina abafantemente a Galicia e beneficia aos territorios como Madrid, que consumen sen producir.
Velaí o sentido da recentemente creada ACOUGA, entidade apartidista de defensa dos consumidores galegos. Centrada nomeadamente nos sectores enerxético, asegurador, bancario e de telecomunicacións, que é onde se producen os abusos máis graves.
Xoán Antón Pérez-Lema