Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova alerta por vento que poderá chegar este xoves aos 130km/h na Mariña

Santiago, 5 de febreiro de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia alerta dun temporal de nivel laranxa por vento en terra que afectará a partir da madrugada deste xoves ás catro provincias galegas.

Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir das 06.00 da mañá, o fenómeno meteorolóxico adverso afectará ás provincias da Coruña e Pontevedra e a zona da Mariña de Lugo, estendéndose de inmediato ao resto de Galicia.

Está previsto que a máxima intensidade dese na zona da Mariña de Lugo, a provincia da Coruña e as zonas de montaña de Lugo e Ourense, con refachos arredor dos 130 km/h. Pola contra, afectará con menor intensidade ás zonas Sur, Valdeorras e cunca do Miño da provincia de Ourense e ao sur da de Lugo, onde os ventos poderían chegar aos 80 km/h (nivel amarelo).

Suspensión das actividades exteriores
Por mor deste fenómeno adverso, a Comisión Escolar de Alertas determinou a suspensión das actividades no exterior das instalacións dos centros educativos de toda Galicia. Así mesmo, aínda que non se suspende a actividade docente nin o transporte escolar, recomenda o seguimento das condicións meteorolóxicas nas catro provincias galegas, e no caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado ou existisen circunstancias que o aconsellasen, os/as directores/as poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión da actividade docente.

Pola súa banda, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior -a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia-informou da situación de meteoroloxía adversa aos concellos, deputacións, asociacións de Voluntarios de Protección Civil e Bombeiros das catro provincias; así como aos organismos das administracións estatais, locais e autonómicos e empresas correspondentes.
Tamén recordáselle á poboación á importancia de seguir as medidas de protección como vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras ou circular con precaución nas estradas, especialmente se utilizan vehículos lixeiros como bicicletas ou ciclomotores. Ademais aconsellase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version