Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo rexistra na Deputación o xustificante de pago da multa de 20.000 euros

entrega_xustificanteCervo, 20 de febreiro de 2014-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, desprazouse este xoves ata Lugo para entregar e rexistrar en persoa o xustificante conforme o Concello pagou este mércores, con fondos municipais, a multa de 20.000 imposta pola Deputación ao consistorio.

Un acto simbólico co que o mandatario cervense quixo lembrar que “esta multa é inxusta, arbitraria e desproporcionada” e que a Deputación “foi inflexible e actuou de forma drástica, preferindo impoñer unha sanción tan dura en lugar de dialogar”.

A multa da Deputación ao Concello de Cervo está relacionada coas obras de saneamento da Senra. “Este núcleo precisaba unha rede de saneamento e estivemos traballando para conseguila. Foi a Xunta a que decidiu asumir o gasto, investindo 400.000 euros para acometer o proxecto” explica o alcalde. No mes de outubro de 2010 iniciáronse as obras, que se desenvolveron con normalidade ata que uns meses despois chegou ao Concello un escrito da Deputación avisando da apertura do expediente sancionador. “Non houbo aviso previo. Non houbo diálogo algún. Simplemente nos informaron da multa” lembra Villares. “Unha multa a un Concello, a todos os veciños dun municipio, non é o camiño, e dende logo non pode ser a primeira e única opción”.

Falta de vontade
O Concello de Cervo dende o primeiro momento considerou que a multa estaba “fóra da lóxica” e que rachaba co principio de “axudar, colaborar e cooperar cos concellos” que deben seguir as deputacións. Por iso, inmediatamente iniciáranse diversas medidas para tentar que o Goberno Provincial reconsiderase a súa postura, todas elas sen éxito. Levouse o asunto aos plenos das corporacións local e provincial, e enviáronse escritos. “Este asunto podíase resolver entre as dúas administracións, sempre que houbese vontade por parte da Deputación. Pero quedou demostrado que non a había”.

Unha multa aos veciños
“É unha pena que a Deputación cargue contra os veciños de Cervo. É unha mágoa que os veciños de Cervo teñan que pagar 20.000 euros de multa. Pero sobre todo é moi triste que sexa unha veciña nosa a que nos multe”. Villares refírese á vicepresidenta da Deputación e voceira do PSOE en Cervo, que “votou a favor de sancionarnos. Ela foi parte responsable. Ela dixo si a multar aos seus propios veciños”, engade o rexedor.

O mandatario cervense tamén lamenta que a Deputación “só se lembre dos cervenses para sancionalos” e nunca para levar a cabo obras ou proxectos necesarios no municipio e que son da súa competencia. “Dános moita lástima saber que non podemos contar co Goberno Provincial” explica, e lembra algunhas das actuacións para as que o Concello pediu axuda: a adquisición dos terreos para ampliar o Museo Provincial do Mar, a execución dos accesos ao polígono de Cuíña, ou incluso “outras colaboracións do día a día”, como prestar maquinaria para acondicionar as praias ou as estradas. “Esa é a grande diferenza entre o Concello de Cervo e outros concellos da provincia. Nós pedimos á Deputación e nunca recibimos nada”.

O nunca visto
O rexedor lembra que “nunca antes a Deputación arremetera contra un concello e os seus veciños”. “Lamentamos profundamente esta actitude. A Deputación non axuda aos veciños, e aínda por riba réstalles recursos” asegura Villares, que engade que “o Concello podería destinar estes 20.000 euros a actuacións que beneficiasen aos veciños”. “Nós só queremos traballar. E que polo menos, se non nos axudan, que tampouco nos poñan obstáculos”. O mandatario cervense remata cun desexo: “Nada nos gustaría máis que rectificasen e a partir de agora comezasen a colaborar para, entre todos, seguir traballando por Cervo. Sumando, e nunca restando”.

Exit mobile version