Iván Marrube explicou que “dende Compromiso por Galicia levamos xa uns meses mantendo contactos continuos con representantes do PNV, que será o noso principal aliado de cara ás eleccións europeas. Entón este fin de semana na sede no PNV en Bilbao tivemos a última reunión, na que deixamos xa concretados acordos tanto programáticos como de intendencia de cara ao pacto para presentarnos ás eleccións europeas”.
O secretario de Política Municipal na executiva de Compromiso por Galicia engadiu que o PNV “é un partido co que temos gran afinidade, CxG é o referente en Galicia do partido que leva gobernando Euskadi practicamente sempre na etapa democrática. Temos unha relación moi firme e estreita, pois coincidimos en tódolos aspectos á hora de levar políticas de goberno. O programa electoral de cara ás eleccións europeas baseámolo nunha Europa que ten que estar ao servizo dos cidadáns europeos, que debe ter unhas bases sociais moi fortes que garantan o benestar de calquera cidadán resida no Estado que sexa”.
Marrube comentou que a celebrada o pasado fin de semana en Bilbao “foi unha reunión das varias que mantivemos, nas que estivemos tamén co presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu, e co presidente do PNV, Andoni Urtuzar, que nos vindeiros meses virán a diversos actos a Galicia que se celebrarán entre estes referentes do PNV e cargos de Compromiso por Galicia aquí, no noso país”.
Na reunión celebrada este pasado fin de semana en Bilbao participaron en representación de Compromiso por Galicia Iván Marrube, Manuel González e Xoán Antón Pérez Lema. Polo PNV estaban o secretario de Organización, Joseba Aurrekoetxea Bergara, e o responsable de Relacións Exteriores, Iñaki Goikotxeta González.