Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG apoia a folga do estudantado convocada para o xoves 20 contra a LOMCE

A Mariña, 18 de febreiro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña anima ao conxunto do estudantado dos centros da comarca a participar na xornada de folga no ensino convocada polas organizacións estudantís galegas para o vindeiro xoves, 20 de febreiro.

“Esta nova chamada á mobilización por parte das organizacións estudantís amosa o rexeitamento á reforma educativa do Partido Popular, nomeadamente á LOMCE, e á implantación dun modelo arcaico que nos retrotrae aos tempos do franquismo”, explican desde o BNG.

Os nacionalistas explican que “esta lei é unha lei privatizadora e elitista que pretende acabar co ensino galego público, universal e gratuíto. Pero, ademais, a lei do goberno do Estado, invade as competencias galegas en materia de educación, impedindo o desenvolvemento dun sistema educativo galego e na nosa lingua.”

Por estas razóns, “por ser unha lei feita para acabar co ensino público, por querer españolizar o ensino galego e por implantar unha educación ideoloxizada na que a relixión pode chegar a ter máis peso que a propia lingua e se blindan os centros que segregan por sexo, o BNG rexéitaa frontalmente e anima a toda a sociedade a amosar a súa repulsa a este modelo educativo máis propio do franquismo que do século XXI.”

A formación nacionalista insiste en que, “ademais, esta lei vén acompañada de medidas que privan ás fillas e fillos das clases populares do acceso en igualdade ao ensino como poden ser os recortes en bolsas de estudos ou en axudas para libros de texto e material didáctico,o copagamento dos comedores escolares ou o despedimento de profesorado da rede pública de centros.”

Neste sentido, os nacionalistas fan un chamamento ao estudantado convocado á folga para que a secunden e participen na mobilización prevista para as 12 horas diante do IES de Ribadeo para amosar, unha vez máis, que esta lei e este modelo son rexeitados polo conxunto da comunidade educativa e só responden aos intereses do Partido Popular.

Exit mobile version