Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro presenta unha moción contra a lei do aborto que estuda o Goberno central

O grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Viveiro a adopción do acordo polo que instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado (e ao Ministro de Xustiza) a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Tamén propoñen instar á Xunta de Galiza a pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.

Por outra banda, tamén cren que deberían “instar á Xunta de Galiza a garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva. Para este fin, eliminaranse as referencias á Red Madre na información que facilite a Xunta de Galiza”.

Así mesmo, piden “instar á Xunta de Galiza a pór en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco”, e tamén que “o Concello poña en marcha, a través da área de Igualdade, unha campaña institucional de información e divulgación sobre a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, en que se informe ás mulleres dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo e en que se transmitan mensaxes contra a modificación desta lei”.

E é que os nacionalistas consideran que “a entrada en vigor da Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo supuxo un paso importante á hora de reducir as barreiras que limitaban o acceso das mulleres ao aborto, aínda que presenta aspectos moi mellorábeis como son non regular adecuadamente a obxección de conciencia, a privatización da prestación, a estigmatización de quen practica interrupcións voluntarias do embarazo, a minusvaloración das mulleres ao impor un período de reflexión obrigatorio unha vez comunicada a intención de interromper o embarazo ou a obrigatoriedade de recibir información acerca das axudas ás nais. Así, a posta en marcha deste novo marco regulador presenta carencias evidentes que dificultan o acceso ás interrupcións voluntarias do embarazo. O máis grave son as limitacións de acceso á sanidade pública que na práctica supoñen que a inmensa maioría das mulleres non teñen posibilidade de recibir esta prestación na súa área sanitaria na rede pública. A consecuencia directa disto é o feito de se veren obrigadas a desprazárense a clínicas privadas e, en certos casos, de teren que acudir a Madrid ou a outros lugares para poderen levar adiante a súa decisión de non continuar co embarazo”.

Tamén cren que “esta situación é claramente corrixíbel de existir vontade política. É certo que a regulación non reflicte a obriga de prestación directa deste servizo, e que abre as portas a que fique fóra do ámbito público. Mais é evidente que na práctica se está a producir unha privatización desta prestación, un feito que nos preocupa e que os poderes públicos deben corrixir. Só existindo unha oferta desde o ámbito público se pode garantir o acceso igualitario a esta prestación en todo o territorio galego”.

Ademais, critican que “o goberno do PP pretende co anteproxecto de lei do aborto un retroceso de décadas que vulnera dereitos consolidados das mulleres no referido á súa saúde sexual e reprodutiva. Baixo premisas falsas e mentiras sobre o que se estabelece na actual lei, a nova normativa impulsada polo Ministro de Xustiza pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios”.

Finalmente, argumentan que “como xa alertan organizacións de mulleres e sindicatos, o único que vai supor é regresar a prácticas de risco como os abortos clandestinos, porque deixa nunha situación de desamparo moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos ou que carecen de recursos, ás que non lles queda máis opción que recorrer á clandestinidade ou asumir maternidades non desexadas. Isto, como ben se comprobou en tempos pasados, supón un grave risco para a saúde das mulleres”.

Exit mobile version