Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG lamenta que Balseiro e o PP volvan dar as costas aos concellos afectados polo “desastroso estado e trazado da LU-214”

A Mariña, 6 de febreiro de 2014. O BNG por medio do parlamentario por Lugo, Cosme Pombo, defendeu hoxe na Comisión de Infraestruturas do Parlamento Galego a habilitación de partidas orzamentarias para a execución dos proxectos previstos dende 2010 para a LU124, ademais de fixar un prazo máximo de inicio das obras de seis meses. Os nacionalistas lamentaron que unha vez mais, O Partido Popular e o parlamentario mariñao José Manuel Balseiro, volvan dar as costas aos concellos afectados polo penoso trazado desta estrada que tamén lles serve comunicación entre si, cun voto negativo que impide dar o mandato do Parlamento á Xunta para a execución dunhas obras que xa foran comprometidas cos alcaldes destes concellos no ano 2009.

O PP no Parlamento Galego da as costas á veciñanza dos catro concello pero tamén aos seus propios representantes que votaron a favor de reclamar as obras previstas na LU124
Cosme Pombo lembrou no debate desta iniciativa, presentada dende maio de 2013, “que no BNG fomos prudentes á espera de que o Conselleiro confirmara o seu compromiso incumprido aos gobernos municipais da Pontenova, Riotorto, A Pastoriza e Mondoñedo”, neste sentido insistiu en que “esta é unha iniciativa de todos os partidos con representación nos concellos afectados porque en varios deles aprobouse reclamar as obras por unanimidade” pero “parece que o Partido Popular vota unha cousa nuns sitios e outra diferente noutros”.

As emendas de Balseiro so buscaban eliminar as propostas do BNG para adquirir compromisos claros de execución das obras
O Parlamentario nacionalista fixo fincapé na vontade construtiva do BNG que incluso “aceptou ao PP a posibilidade de incorporar emendas de adicción á proposta inicial que o Sr. Balseiro non aceptou, xa que unicamente buscaba eliminar da proposta nacionalista o compromiso claro de fixar prazos para a execución das obras”. O BNG criticou que parlamentario Balseiro negara a posibilidade de chegar a un acordo unánime “obsesionado por dar fiabilidade cega aos novos compromisos dun Conselleiro de Infraestruturas que leva anos incumprindo as súas promesas e negándose dende xuño de 2013 a recibir aos alcaldes que reclaman o prometido”

A falta de previsión e o desinterese, ou o castigo da Xunta, obrigará a un dobre gasto primeiro en mantemento e despois na execución dos proxectos previstos
Dende o BNG agardan que a Consellería deixe de dilatar no tempo a execución dos proxectos previstos para a Lu124 e por suposto que de inmediato se fagan obras de mellora no estado do firme. Os nacionalistas indican que a falta de previsión da Consellaría e a despreocupación, non sabemos se o castigo, fan que a veciñanza dos concellos da Pastoriza, Riotorto, A Pontenova e Mondoñedo sigan sen ter compromisos firmes e claros da Xunta de Galiza para a LU124.

Exit mobile version