Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG levará outra vez ao Parlamento galego a problemática do sistema sanitario na Mariña denunciada polo persoal médico do Hospital da Costa

A Mariña, 28 de febreiro de 2014. O BNG da Mariña anunciou que volverá levar ao Parlamento Galego a problemática situación da sanidade pública da Mariña á vista das denuncias feitas públicas por facultativos do Hospital da Costa nos últimos días. A fronte nacionalista na Mariña afirma que todos os sectores sociais da comarca, empezando polo propio persoal sanitario, denuncia a degradación constante dos servizos sanitarios na comarca tanto en primaria como especializada, coa única excepción dos alcaldes e dirixentes comarcais do PP que apoiaron o Decreto de Xestión Integrada e agora non dan a cara para defender os intereses da comarca diante do proceso de desmantelamento continuado e os incumprimentos das promesas para mellorar a sanidade pública comarcal.

OS DIRIXENTES COMARCAIS DO PARTIDO POPULAR, EMPEZANDO POR BALSEIRO E SEGUINDO POLOS ALCALDES DESTE PARTIDO NA COMARCA SON CÓMPLICES SILENCIOSOS DA SITUACIÓN.
O BNG comarcal volveu pedir aos dirixentes e alcaldes do Partido Popular na Comarca, a empezar polo parlamentario, José Manuel Balseiro, que defenderon un Decreto de Xestión Integrada que amputou a capacidade de xestión da sanidade pública comarcal derivando todas as competencias nun xerente provincial empeñado incumprir as súas propias promesas e ir degradando o servizo sanitario nos centros de saúde e no Hospital da Costa.

A fronte nacionalista lembrou que tanto os dirixentes comarcais do PP como os do propio SERGAS a nivel provincial e galego comprometeron melloras no servizo sanitario público coa chegada do Decreto de Xestión Integrada que lonxe de producirse van en sentido contrario e mesmo desaparecen, neste sentido poñen como exemplo a prometida ampliación do Hospital da Costa – nin un so euro nos orzamentos da Xunta para 2014 , o Hospital de Día Oncolóxico prometido xa para finais de 2013 e que segue no estado de promesa, ou o achegamento da sanidade ao doente evitando desprazamentos innecesarios, cando a realidade é xustamente a contraria, cada vez son mais os desprazamentos forzosos á capital da provincia e en numerosas ocasión para centros privados, tal como denuncian as persoas afectadas e o propio persoal sanitario.

PEDIRÁN ACLARACIÓNS PORMENORIZADAS NO PARLAMENTO DAS DENUNCIAS FEITAS POLO PERSOAL SANITARIO
Os nacionalistas anuncian que volverán levar os problemas sanitario da comarca ao Parlamento Galego e pedirán explicacións pormenorizadas aos dirixentes do SERGAS sobre a situación. Insisten en que fora das supostas melloras explicitadas polo SERGAS no Hospital da Costa destes días, algunha delas por certo duplicadas para facer vulto, é unha evidencia real que na Mariña tanto en asistencia primaria como especializada, perdéronse facultativos e outro persoal sanitario e administrativo, as principais melloras prometidas – ampliación do H. da Costa, servizo de oncoloxía ou achegamento da sanidade ao doente – son cuestións de fe para crentes ilusos. As denuncias do persoal facultativo dos últimos días requiren unha explicación pormenorizada polo que o BNG volverá requirir aclaracións punto por punto de todas as denuncias feitas públicas por este persoal sanitario.

Exit mobile version