Site icon Crónica3.com A Mariña

O Club de Tenis-Pádel A Marosa xestionará as pistas para a práctica destes deportes nas instalacións da Marosa

Burela, 28 de febreiro de 2014. O Club de Tenis-Pádel A Marosa xestionará desde este 1 de marzo, as pistas para a práctica destes deportes na zona deportiva da Marosa. A presentación do club tivo lugar esta tarde e á mesma asistiron os concelleiros de Deportes e Obras, Beatriz Piñeiro e Manuel Fernández Valle, e o alcalde burelés, José Mª González Barcia.

O rexedor sinalou que “con este acto o que se demostra é que desde o Concello axudamos en todo o que podemos ás asociacións e ademais impulsamos a creación de novos colectivos. Entendemos que o tecido asociativo de Burela é un tecido moi forte, moi compacto e estamos a ver que, a pesares da situación económica que estamos a vivir, se seguen a constituír novas asociacións e iso é importante”.

González Barcia dixo que “desde o equipo de goberno axudamos en todo o que podemos, tanto na posta en marcha destes colectivos coma no seu funcionamento, tal e como demostra o acto desta tarde co Club de Tenis ao que lle desexamos os mellores éxitos e ao que lle dicimos que estamos dispostos a axudar na medida das nosas posibilidades”.

O alcalde de Burela lembrou que “nos últimos meses procedemos ao acondicionamento integral das dúas pistas de tenis que están situadas na zona deportiva da Marosa. E continuaremos mellorando as instalacións no que refire á iluminación. Todo co obxectivo de que as pistas de tenis se poidan empregar en horario nocturno”.

Desde a directiva do Club de Tenis-Pádel A Marosa indicaron que “a partir deste sábado, 1 de marzo, xa é posible reservar on line ou a través da Casa da Xuventude calquera das dúas pistas de tenis ou a de padel da Marosa. Para este 2014 temos previsto organizar cursos con profesores titulados para todas as idades, o cal supoñería unha nova opción deportiva para os máis pequenos. Así mesmo, ao longo do ano queremos organizar varios torneos locais”. E engadiron que “o club está gratamente sorprendido polo gran interese que suscita esta nova iniciativa”.

A directiva do Club de Tenis-Pádel A Marosa agradeceu “o apoio e as facilidades brindadas desde o Concello de Burela, en concreto desde a Concellería de Obras, a Concellería de Deportes e a Casa da Xuventude. Durante o pasado ano acondicionáronse as pistas de tenis e dotouse de alumeado a unha pista de tenis e a outra pista de padel. Durante o presente 2014 o alumeado será ampliado substancialmente e habilitarase un local nas instalacións deportivas da Marosa.

Tamén se agradece o apoio prestado desde La Caixa á formación do club”.

Exit mobile version