Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela participará nunha reunión da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Burela, 28 de febreiro 2014. O Concello participará en marzo nunha reunión da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para afondar no traballo nas áreas de sensibilización e comunicación, segundo ven de anunciar a concelleira de Servizos Sociais.

Diana Durán contou que “o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade doou 10.000 euros ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) co obxectivo de axudar á poboación afectada polo tifón Haiyán en Filipinas. A axencia das Nacións Unidas está prestando asistencia humanitaria en terreo ás e aos superviventes do devastador ciclón que o 9 de novembro arrasou a rexión central do país”.

A edil popular explicou que “a asemblea de socios do Fondo Galego, integrado por 90 concellos e dúas deputacións e do que forma parte de xeito moi activo o Concello de Burela, resolveu ademais poñer a disposición a súa conta de emerxencia para esta causa. Cos fondos recadados financiaranse proxectos de reconstrución na zona unha vez superada a situación de emerxencia e cando, previsiblemente, a desatención informativa agrave a vulnerabilidade das vítimas”.

Dende a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela “queremos recordarlles e agradecerlles de antemán ás persoas e entidades que desexen realizar a súa achega que poden facelo no número de conta 2091 0209 10 3040019000 de Novagalicia Banco, indicando Emerxencia Filipinas e así axudar á cooperación humanitaria”.

Durán engadiu que “como parte fundamental do traballo co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Concello de Burela participará no mes de marzo nunha reunión da Rede Municipalista Solidaria xunto co resto dos Concellos socios da provincia para traballar sobre todo nas áreas de sensibilización e comunicación”.

Exit mobile version