Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo activa o Plan de Emerxencias Municipal en nivel de alerta

Cervo, 4 de febreiro de 2014- O Concello de Cervo activou na mañá deste martes, por decreto de alcaldía, o Plan de Emerxencias Municipal (PEMU) en nivel de alerta. Esta medida implica o aviso a todos os grupos operativos de emerxencias que son susceptibles de ser mobilizados, tanto a nivel local, como comarcal, provincial e autonómico.

Desta maneira, o Concello pretende ter advertidos e en alerta a todos os medios que puidesen estar involucrados na atención de calquera incidente provocado pola cicloxénese explosiva prevista para hoxe e pola cal a Axencia Estatal de Meteoroloxía ten decretada a alerta vermella por refachos de vento de ata 140 quilómetros por hora na Mariña.

A administración local aproveita para volver pedir moita precaución á poboación, non achegarse ás proximidades do mar nin ás zonas onde existen sinais de prohibición ou perigo, valados ou cordas que impiden o paso, ou onde se produciron incidentes na fin de semana. Tamén evitar na medida do posible saír da casa ou non pasar por lugares onde poidan producirse desprendementos, así como gardar todos os elementos situados no exterior que puidesen ser movidos polo vento.

O Concello mantivo suspendido o servizo do PAI este martes así como as actividades infantís das Escolas Deportivas.

Exit mobile version