Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo traballa para paliar os danos provocados polo temporal na fin de semana

Cervo, 3 de febreiro de 2014- O Concello de Cervo anuncia que se suprimen para este martes os servizos do Punto de Atención á Infancia e tamén quedan canceladas as actividades infantís das Escolas Deportivas. Unhas medidas tomadas por precaución atendendo á alerta vermella por fortes ventos decretada pola AEMET para este martes 4 de febreiro. Un día no que se prevé a chegada á nosa costa dunha nova cicloxénese explosiva que poderá traer refachos de ata 140 quilómetros por hora en toda a Mariña lucense.

Ao mesmo tempo, o Concello lembra que a Comisión de Alertas suspendeu toda actividade docente, transporte escolar, actividades no exterior e extraescolares para este martes.

Deste xeito, atendendo ás previsións, o Concello quere pedirlle á veciñanza que non se achegue ao litoral nin tampouco ás zonas sinalizadas, valadas ou acordoadas por tratarse de puntos de perigo onde o temporal da pasada fin de semana xa causou danos. “É moi importante que os veciños sigan estas sinxelas medidas de precaución e protección e teñan en conta que son pola súa seguridade”, explica o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto.

Ao mesmo tempo, o Concello informa de que tanto o Grupo de Emerxencias Supramunicipal como as distintas brigadas municipais seguirán en alerta para atender ás posibles incidencias.

Uns medios, tanto as brigadas como o GES, que levan dende o sábado traballando para paliar os efectos que provocou o temporal na fin de semana. Dende o primeiro momento puxéronse en marcha diferentes operativos para sinalizar, valar ou acordoar as zonas de máis perigo, especialmente nas áreas máis afectadas como foron todo o paseo marítimo de San Ciprián e o porto. Tratouse de medidas preventivas coas que evitar que as persoas se achegasen aos lugares de máis risco.

Ao mesmo tempo, a delegada da Xunta en Lugo e o presidente de Portos de Galicia acompañaron aos responsables municipais no seu percorrido polas zonas máis afectadas para avaliar as consecuencias do temporal, interesándose polos danos e ofrecendo a súa colaboración ao Concello. Despois de coñecer os destrozos, a administración local iniciou a planificación das actuacións necesarias para repoñer todos os elementos prexudicados e volver á normalidade, sen esquecer que mañá chega un temporal que se prevé aínda máis virulento.

Hai que ter en conta que os danos da fin de semana foron importantes e que probablemente faga falta algún tempo para restablecer a situación.

Exit mobile version