Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello pregúntalle á Deputación: “É Cervo o primeiro municipio da historia da democracia multado polo Goberno Provincial?”

Cervo, 27 de febreiro de 2014- O Concello remitiu este xoves un escrito á Deputación no que pregunta se o Goberno Provincial multou algunha vez, en toda a historia da democracia, a un municipio. Desta maneira a administración local quere saber “se Cervo é o primeiro concello en ser multado pola Deputación”, explica o goberno local.

Unha pregunta lanzada polo equipo de goberno xa que “desconfía” dun posible “abuso de poder dunha administración supramunicipal -a Deputación- sobre unha administración municipal -O Concello”. “Todos os feitos demostran que o Concello non tivo ningunha responsabilidade na execución da obra, e que a multa nos chegou sen previo aviso” engade o executivo local. Por iso “queremos saber se esta é unha forma habitual de proceder da Deputación ou se é o actual Goberno bipartito o que actúa de forma inxusta contra uns veciños inocentes, tal e como supoñemos”.

“Unha Deputación multando a un Concello é o nunca visto. Bota por terra o principio de colaboración institucional e de axuda entre administracións” explican. Aínda que máis grave resulta que “na primeira multa que unha Deputación lle pon a un concello estea implicada unha veciña do concello multado, Lara Méndez”. “É moi preocupante saber que foi ela, co seu voto, a que multou aos seus propios veciños” remata.

Exit mobile version