Site icon Crónica3.com A Mariña

O Entroido de San Román repartirá 1.540 euros en premios o sábado 8 de marzo

entroido_sanromanCervo, 27 de febreiro de 2014- Cervo deu a coñecer este xoves o cartel do Entroido de San Román, que organiza a Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras coa colaboración do Concello, a Asociación de Montes Veciñais San Román, Fundación Alcoa e Espectáculos Pico. Na presentación estiveron presentes o alcalde, Alfonso Villares, o edil de Zona Rural, José Ramón Soto e a edil de Xuventude, Yolanda Pedreira, así como representantes das diferentes entidades.

O Entroido celebrarase o sábado 8 de marzo no pavillón de San Román e ten previsto repartir máis de 1.500 euros en premios entre as categorías individual, parellas, grupos, comparsas e charangas, e ao mesmo tempo divididas por idades entre infantil e adultos. O programa inclúe, a partir das 22:30 horas, un baile de disfraces, música coa orquestra Tekila, desfile e concurso.

O Entroido de San Román é unha tradición no municipio á que acude numeroso público. Os premios tamén son un bo reclamo, e nesta ocasión o importe total é superior ao do ano pasado.

A edil de Xuventude, Yolanda Pedreira, anima a todas as persoas, grupos, comparsas e charangas “a acudir a San Román o día 8 a participar no evento e, por suposto, a acudir disfrazados para contribuír a crear o ambiente festivo e de Entroido que se consegue cada ano”. Da mesma maneira, a edil agradeceu ás entidades organizadoras e colaboradoras “a implicación, a ilusión e o traballo que dedican cada ano para poñer en marcha esta cita”.

Exit mobile version