Site icon Crónica3.com A Mariña

O Entroido xa chegou á Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña

entroido-amariñaUn ano máis desde a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” queremos seguir participando e gozando das tradicións da nosa terra e, para iso, hoxe xoves día 27 de febreiro celebramos o Entroido.

A celebración tivo lugar na Unidade Residencial de “A Mariña” (Cervo), onde nos xuntamos os usuarios e profesionais de todos os dispositivos cos que conta a entidade (Centro de Rehabilitación Psicosocial en Burela e Ribadeo, Piso protexido e Unidade Residencial). A media mañá vestímonos cos disfraces que elaboramos no taller de costura, no que este ano se elixiu o disfrace de gato/a. Posteriormente celebramos xogos populares e realizamos un baile de disfraces, onde gozar do tempo libre e da compañía mutua foron os obxectivos principais e que redundan positivamente na calidade de vida dos nosos usuarios e na súa estabilidade terapéutica, ademais de servir de motivación e experiencia positiva para a realización de novas actividades.

Para finalizar, celebramos unha comida na que o menú rendiu homenaxe ás tradicións da terra e do entroido: caldo galego, pito asado con patacas, filloas recheas de crema e rosquillas.

A celebración foi todo un éxito e nela participamos arredor de 52 persoas entre usuarios e persoal da Asociación. Sen dúbida os obxectivos que perseguíamos víronse amplamente cumplidos. Foi unha xornada lúdica e de intercambio social no que os nosos usuarios disfrutaron en gran medida, contribuíndo en último término a mellorar a súa calidade de vida.

Exit mobile version