Site icon Crónica3.com A Mariña

O forte mar desta fin de semana ocasionou incidencias nas praias e nos paseos de Barreiros

Barreiros, 3 de febreiro de 2014. O forte mar desta fin de semana ocasionou incidencias nas praias e nos paseos de Barreiros. Na zona do Acantilado está prohibido o paso nun treito. Será ata que se avalíe si a prancha de formigón segue aguantando, tal e como aseguraba esta mañá o alcalde Alfonso Fuente.

O rexedor relatou que “os danos máis importantes céntranse principalmente na praias de Fontela e Valea, aí foi onde máis estragos fixo o mar porque entrou polas desembocaduras dos regos que hai. Tamén na praia de Coto levou a baixada ao areal e danou as baixadas nalgúns outros puntos da nosa costa”.

Fuente Parga dixo que “son obras importantes que estando neste tempo aínda imos ter a posibilidade de reparalas de cara á Semana Santa e ao verán. Falamos xa cos responsables de Costas, pero tamén hai o seguinte feito: sacou moita area, agora quedou todo moi descuberto e entón hai que ir vendo pouco a pouco todos eses danos.Tamén na zona de Acantilado escavou por debaixo do paseo, comprobamos que a prancha de formigón segue aguantando, aínda que está sinalizado que non se pase por esa zona do paseo. Unha vez que se poida avaliar se se pode seguir utilizando ou se é necesario poñer algo que o aguante volverase a abrir ao paso”.

O alcalde de Barreiros indicou que “neste momento está o persoal de Protección Civil nas praias e, aparte dos danos materiais, o que hai que facer é intentar recuperar o corpo do neno desaparecido en Foz. E o resto son obras e investimentos que como sempre teñen que chegar aos Concellos da man da Dirección General de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente, e entre todos ir poñéndoos outra vez en servizo”.

Suspensión da actividade na gardería municipal
A gardería municipal de Barreiros estará pechada mañá. O Concello suspende a actividade nesta instalación seguindo as indicacións da Xunta que decidiu suspender as clases en todos centros de ensino da Mariña mañá, 4 de febreiro, debido a que o litoral estará en alerta vermella.

Exit mobile version