Santiago, 6 de febreiro de 2014.- O deputado do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro lamenta que os deputados do BNG se negasen no Parlamento de Galicia a consensuar unha emenda na que se solicitaba a mellora da estrada LU-124. A alternativa defendida polos populares incluía os compromisos xa adquiridos polas distintas administracións para a mellora deste viario.
Os populares xa adiantaron que ante esta posición intransixente do BNG someterán á aprobación do Parlamento a súa propia iniciativa, xa rexistrada na Cámara galega, e que inclúe o programa de actuacións previstas tanto por Fomento (xa contratadas e de inminente execución) como pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que se levaran a cabo antes de que finalice este ano.
O PP APOIA O PROGRAMA DE ACTUACIÓNS
O deputado do Grupo Popular defendeu que a iniciativa do BNG sobre o arranxo da estrada LU-124 “chega tarde” e se formula agora (con ata 8 meses de retraso respecto da data na que os nacionalistas a rexistraron) con “oportunismo político” e coa única finalidade de “deslucir o avance que supón para o conxunto da comarca a culminación da autovía do Cantábrico.
Balseiro volveu a lembrar que fronte aos compromisos firmes das administracións central e galega gobernadas polo PP, os veciños, “que teñen memoria”, lembrarán que durante a etapa de Goberno bipartito na Xunta, pese a herdar un proxecto construtivo xa redactado polo executivo Manuel Fraga, non se fixo nada nesta estrada (a excepción dunha pequena reposición de beirarrúas na Avenida Buenos Aires de Mondoñedo). A esta razón atribuíu o fracaso da concentración promovida polo BNG e polo PSOE con ocasión da inauguración da autovía, “que non mobilizou nin aos seus propios concelleiros”
PROGRAMACIÓN DE ACTUACIÓNS
Na súa exposición, Balseiro explicou que o aspecto actual da LU-124 no tramo ao seu paso por Mondoñedo é consecuencia directa da intensidade de circulación de vehículos pesados que traballaron na construción da autovía A-8. Tamén indicou que, tanto para corrixir esta situación como dar solución ao problema das escorrentas, o Ministerio de Fomento xa orzamentou e contratou as súas obras, tal e como reflicte o BOE do 28 de novembro pasado.
O deputado aclara que, segundo o cronograma previsto, será despois de rematadas as obras de Fomento cando a Xunta de Galicia acometa con carácter de urxencia e dentro do ano en curso a execución dun proxecto de rehabilitación do firme da LU-124, no treito Mondoñedo-Lindín, e será inmediatamente despois cando execute a mellorara integral estrada autonómica.