Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Perdouro de Burela gaña o concurso-exposición Letras Galegas 2014 convocado por Cultura e Educación

Santiago, 27 de febreiro de 2014.- A figura de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, chegará, da man da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, aos centros de ensino, aos centros de estudos galegos, aos centros da emigración, aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia e ás bibliotecas de preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de resolver os dous premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2014, no que resultaron gañadores O CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz e o IES Perdouro de Burela, baixo as categorías de centros de educación infantil e primaria e de centros de educación secundaria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais, respectivamente.

Deste xeito, as dúas coleccións de 10 carteis que conformarán cadansúa mostra gañadora -“Esmeralda” -do CEIP Plurilingüe Lagostelle- e “Sombras radiantes” -do IES Perdouro- imprimiranse e distribuiranse, acompañadas guías didácticas explicativas, para fomentar o achegamento do alumnado a Díaz Castro e á súa obra. Os grupos de traballo que participaron na súa confección recibirán ademais un premio en metálico por importe de 2.500 euros cada un.

Exit mobile version