Site icon Crónica3.com A Mariña

O novo pavillón polideportivo de Ribadeo será inaugurado este venres nun acto aberto ó público

Ribadeo, 27 de febreiro de 2014. O novo pavillón polideportivo municipal de Ribadeo será inaugurado oficialmente mañá, venres, ás 19:30 horas cun acto aberto ao público. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, destaca a importancia desta infraestrutura, que foi financiada pola Deputación Provincial.

“Nace por fin e vai dedicado a todos os veciños e veciñas, a todos os nenos e nenas, rapaces e rapazas e adultos, este pavillón, esta infraestrutura socio deportiva tan importante para o noso concello e que vai dar un respaldo moi importante ao deporte base, que é o que move unha sociedade dende o punto de vista dos valores colectivos de traballo, de esforzo e no que tanta xente nestes últimos tempos se está implicando, non soamente cos deportes máis tradicionais (fútbol e baloncesto) senón tamén cunha chea de deportes que está habendo nestes últimos tempos en Ribadeo e que van ter cabida neste novo pavillón polideportivo, que vén a substituír aquel outro vello, antigo, perigoso, con advertencias estruturais moi negativas, que nos facían pechalo e demolelo ou substituílo por outro novo”, explicou o rexedor municipal.

Fernando Suárez lembrou que “naquel momento, e xa me remonto a hai varios anos, conseguimos o financiamento do cen por cen por parte da Deputación Provincial de Lugo e hoxe en día está rematado, a pesar dos avatares que tivemos, pois hai ano e pico as obras quedaron paradas pola situación económica da empresa adxudicataria, que quebrou, polo que tivemos que rescindir o contrato e licitar novamente as obras e finalmente puideron acabarse con toda garantía”.

O alcalde considera que “lles queda aos veciños e veciñas de Ribadeo unha das mellores infraestruturas do país nesta materia e que tamén vai ser unha fonte de recursos e de riqueza a xulgar por multitude de eventos deportivos, como os que xa se van realizar neste fin de semana, cando vai haber campionatos estatais entre diferentes comunidades autónomas, neste caso de baloncesto, pero seguirán outros de tantos deportes, que van poñer o centro de actuación en Ribadeo. Iso redundará positivamente no comercio e na hostalaría. En definitiva iso é o que nos move e o que ten que facer a administración: crear iniciativas que logo funcionen por si mesmas e cren riqueza e movemento económico no territorio”.

Suárez Barcia felicita “a todos os técnicos que nestes tempos, tanto dende o punto de vista xurídico, polos problemas que tivemos das novas licitacións de obra, como técnico, polo seu bo facer durante todo este tempo. E tamén dedicar ao goberno municipal, e especialmente ao compañeiro Vicente Castro, que eu creo que deixou anos da súa vida para que esta infraestrutura se rematara ben. Penso que é un orgullo para todos os veciños este pavillón, que lles vai quedar para moitos anos”.

O rexedor ribadense rematou convidando “a todas as persoas de Ribadeo e dos arredores a que se acheguen a este sinxelo acto que faremos mañá, venres, ás sete e media da tarde de inauguración do pavillón, para que o poidan ver e posteriormente o poidan usar loxicamente, porque para eles está destinado e a eles vai dedicado”.

Exit mobile version