O Observatorio da Mariña pola Igualdade e a Concellería de Igualdade do Concello de Ribadeo, organizan para a vindeira semana unha serie de actos informativos en torno ao aborto, após da cadena humana en contra da reforma da lei do aborto que tivo lugar o pasado sábado 1 de febreiro na Ponte dos Santos.
Durante tres días seguidos o video-forum “O aborto, unha cuestión de liberdade”, que conta coa colaboración de Radiofoz, pretende achegarse a experiencias e tratamentos doutras sociedades e doutras épocas en relación a esta cuestión, co obxectivo de fornecer máis puntos de vista para conformar unha posición informada e crítica sobre o mesmo.
No video-forum, que terá lugar ás 20.00h no Cine-Teatro de Ribadeo, proxectaranse as seguintes películas:
· Luns 10: Las normas de la casa da la sidra, de Lase Hallström (EE.UU)
· Martes 11: El secreto de Vera Drake, de Mike Leigh (Reino Unido)
. Mércores 12: 4 meses, 3 semanas y 2 días, de Cristian Mungiu (Rumanía)
Este ciclo de actividades reivindicativas e informativas en torno á cuestión de aborto pecharase o venres 14 coa charla-café “Os dereitos sexuais e reproductivos a debate” que impartirá a médica e profesora Lola Ferreiro. Será ás 20.00h na Casa das Letras de Ribadeo.
Todas estas actividades, organizadas polo Observatorio e a Concellería de Igualdade do Concello de Ribadeo, desenvólvense co obxectivo de dar resposta social e de abrir debate en relación ás modificacións legais claramente regresivas que o goberno español pretende impoñer na cuestión do dereito ao aborto.
Desde o Observatorio consideramos necesario que a sociedade se conciencie da importancia de defender o dereito das mulleres a decidir sobre a súa vida e os seus corpos. É por iso que convidamos, a todas e a todos, a asistir ao conxunto de actividades presentadas como maneira de nos informar e de debater sobre esta cuestión.