Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG esíxelle a Villares que explique as xestións que fixo para cobrar os 20.000 euros á adxudicataria das obras da Senra

CERVO, 27 DE FEBREIRO. As últimas declaracións do Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sobre as obras de saneamento da Senra non fixeron máis que aumentar a preocupación e as dúbidas do PSdeG cervense sobre a maneira de actuar do rexedor do PP, sobre a súa irresponsabilidade e ineptitude á fronte do Concello. Por iso, o Grupo Municipal Socialista presentou na mañá deste xoves unha batería de preguntas no Rexistro das oficinas municipais co fin de que Villares aclare “dunha vez por todas, con documentos acreditativos”, a súa actuación e deixe de contradicirse.

Os socialistas esíxenlle ó Alcalde que explique que xestións fixo, e cando, para cobrar os 20.000 euros á empresa adxudicataria, unha vez que, segundo dixo ós medios de comunicación, non puido librar o cheque que lle entregou. “En que data e por que medio tivo coñecemento da “desaparición” da empresa? Fíxolle algún requirimento tras saber que o cheque non tiña fondos? Onde o rexistrou? Iniciou algún procedemento xudicial? Se a empresa entrou en concurso de acredores, personouse o Concello como acredor?” Ou o que é o mesmo, “onde están os cartos? Que fixo o Alcalde para recuperalos?”

É imprescindible que Alfonso Villares conteste con documentos acretidativos a todas estas cuestións para saber “se de verdade asumiu as súas responsabilidades e defendeu os intereses dos cervenses ou se, como fai sempre, botou balóns fóra e cargou a outros cos seus problemas e obrigas”, subliñou a voceira municipal socialista, Lara Méndez.

As dúbidas do PSdeG aumentan despois de que o Alcalde tratase de “desvirtuar a realidade e seguir confundindo e terxiversando” ó amosar un escrito da empresa fechado o 28 de setembro de 2011, no que o eximía de responsabilidades na colocación dos postes da luz na Senra. Os socialistas eran coñecedores deste documento “porque está no expediente, pero o Alcalde debería dicir toda a verdade:
– Primeiro: O escrito entra no Concello cando o proceso sancionador xa está concluído.
– E segundo: Dito documento é un fax que non se rexistrou, polo que nos preguntamos que validez oficial ten e se a práctica habitual do Concello é non rexistrar os documentos. Cantos hai sen rexistrar?” Este feito revela ademais “a opacidade” do Goberno municipal, pois a oposición pode acceder ó Rexistro, pero non ós fax, argumentou Méndez.

Outro dato que xenera desconfianza: Se o día 26 de setembro de 2012 houbo unha reunión coa empresa na que esta lle entregou un cheque, e se o Concello tratou de cobralo e lle veu devolto ese mesmo día, acudiu de inmediato a reclamarlle os cartos? Porque, se tivo unha reunión cos seus representantes ese día, aínda non estaría desaparecida?”.

As responsabilidades do Alcalde
Neste mesmo senso, o PSdeG subliñou que, a pesar dos intentos de Villares para “escorrer o vulto”, el e o Concello son os responsables das obras da Senra, e son os que teñen que responder ante a Deputación se hai algunha irregularidade nas mesmas. Hai dous documentos que así o acreditan:

– Primeiro: Un documento fechado o 9 de novembro de 2009, a través do que o Concello de Cervo lle solicita á Deputación os permisos necesarios para levar a cabo as obras. Nesta petición, “que non é un fax, senón unha solicitude oficial rexistrada”, o Alcalde, literalmente, di que “este Concello vai levar a cabo a execución do saneamento do núcleo da Senra”. Polo tanto, queda demostrado documentalmente que o rexedor “minte cando di que o Concello non ten nada que ver con estas actuacións”.

– E segundo: Un escrito da Xunta con data do 28 de febreiro de 2011 demostra que o Alcalde era coñecedor das irregularidades porque, textualmente, nel afírmase que “entre os meses de outubro, novembro e decembro de 2010 detectáronse e comunicáronse numerosas incidencias relacionadas coa execución da obra […] celebráronse diversas reunións na obra e nas oficinas do Concello para aclarar as incidencias constatadas. Ademais, o alcalde de Cervo destacou a mala execución do tendido eléctrico situado na marxe da estrada da Deputación de Lugo”. Polo tanto, o alcalde era coñecedor das irregularidades e sabía que había que corrixilas.

Por todos estes feitos, resulta “incomprensible a belixerancia e obsesión” de Alfonso Villares hacia as administracións dirixidas por quenes non son da súa cor política, algo que “non fai ningún outro alcalde da provincia. É un caso único”.

Exit mobile version