Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE esixirá á Xunta, no Parlamento, emprender accións inmediatas que garantan a seguridade e os empregos da mina de caolín mariñá

A MARIÑA, 27 DE FEBREIRO.- O deputado autonómico e voceiro de Pesca no Parlamento de Galicia –José Ramón Val Alonso- vén de rexistrar na Cámara galega varias iniciativas, a través das que os socialistas instarán á Xunta de Galicia a promover, con carácter urxente, accións que garantan a seguridade dos veciños e dos traballadores da mina de caolín, situada entre os municipios de Cervo e Burela e, do mesmo xeito, compatibilizar o desenvolvemento da actividade empresarial, garantindo os empregos existentes.

Recentemente, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria decidiu suspender a actividade da mina, debido á aparición dunha fenda que, segundo este organismo, pode ameazar a estabilidade do terreo, e mesmo comprometer a seguridade das persoas. Proba delo, é que existe un informe elaborado polo departamento autonómico, no que se recoñece a existencia dun deslizamento do terreo que, nalgúns puntos, pode chegar aos 8-10 metros de profundidade, 250 metros de longo e uns 10-15 de ancho.

Tendo en conta o documento realizado polos técnicos da administración galega, indica Val, “é obriga da Xunta, dar unha solución que permita atallar o problema para que a empresa poida reanudar as obras, e para evitar que se produza un mal maior. Agardamos que o Partido Popular apoie a Proposición non de Lei que presentamos e nos diga que actuacións ten previstas neste eido”.

Neste senso, os socialistas cren convinte que o Executivo avalíe, coordine e faga un seguemento das actuacións a levar a cabo, e lle pida á empresa o depósito do aval pola cantidade precisa para executar as cláusulas do contrato e polas tarefas a realizar.

“Balseiro coñecía o problema, pero non fixo nada”
A Comunidade de Montes de Vilaestrofe detectou, xa en 2012, a existencia da fenda do terreo, pero a Xunta de Galicia, malia que o Tenente Alcalde de Cervo e deputado autonómico –José Manuel Balseiro- estivo presente no encontro no que esta entidade lle trasladou a preocupación dos veciños, aínda non actuou ao respecto.

“O Sr. Balseiro é coñecedor do problema dende hai tempo, pero permaneceu impasible. Cremos que se trata dun asunto coa suficiente importancia como para que este deputado emprendese accións inmediatas, pois é o Tenente Alcalde de Cervo. Unha vez máis, ó igual que demostrou onte no Parlamento coa xestión dos temporais, é un irresponsable. Que a empresa volva reanudar a súa actividade é competencia da Xunta, xa que foi esta administración a ordenou a súa paralización. Queremos saber por que non dixo nada ata hai uns días, cando sabe de primeira man que o perigo existe dende hai meses. Isto é o que nos ten que explicar. Trátase de ser útiles aos cidadáns, non de buscar oportunismo político”, afirma Val Alonso.

Na mina desempeñan o seu traballo preto de 30 profesionais que, por esta irregularidade, “ven perigar a súa forma de gañar a vida”. O emprego e a seguridade das persoas, sinala o deputado autonómico, “debe ser unha preocupación dun Goberno preocupado polos seus cidadáns”. Por este motivo, agarda que o Executivo dé unha resposta rápida e eficaz, pois “non podemos permitir que aconteza o mesmo que con Sargadelos. É dicir, que outra empresa máis teña que pechar na Mariña pola inacción do Goberno de Feijóo. A Xunta ten que desenvolver acción que permitan que a firma poida reiniciar os traballos con normalidade”. E é que a canteira de caolín mariñana é unha das principais fontes de extracción deste mineral a nivel galego.

Exit mobile version