CERVO, 6 DE FEBREIRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo veñen de presentar este xoves no Concello tres mocións cun mesmo denominador común, a defensa da sanidade pública e a liberdade de decisión das persoas, “pretendemos esixir a recuperación da Área de Xestión Sanitaria Integrada Propia de A Mariña, que se derroguen as disposicións legais que pretenden retirar a tarxeta sanitaria ós españois que permanezan fora máis de noventa días e que non se continúe a tramitación da chamada Lei do Aborto”.
O eido sanitario está sendo o máis castigado a nivel autonómico e estatal polas políticas do Partido Popular, “atacan ós dereitos básicos do cidadán. Queremos que o Hospital da Costa volva ter a autonomía da que gozaba hai uns meses, non podemos consentir que calquera decisión teña que depender de Lugo”.
Os socialistas subliñan que “o señor Rajoy está decidido a mudar o modelo sanitario que tiñamos, de calidade, universal e redistributivo, por un modelo de aseguramento privado, só accesible a quen o poida pagar. É incompresible e prácticamente anticonstitucional que se lle retire a tarxeta sanitaria a aquelas persoas que saen fóra das nosas fronteiras en busca de emprego ou formación. Agardamos que o goberno de Cervo intente impedir esta decisión”.
Neste mesmo senso, o GMS propoñerá no vindeiro pleno que “o Concello de Cervo inste ó Goberno de España a retirar inmediatamente e non continuar a tramitación do Anteproxecto de Lei Orgánica polo que pretende revisar a lexislación vixente en España sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo”.
Entenden que “ esta maneira de actuar é un ataque á liberdade dos cidadáns. A muller que toma a decisión de interrumpir o seu embarazo, non toma unha decisión fácil, coñece e sabe perfectamente o que isto supón. Ninguén coñece a situación de cadaquén e ninguén, por moi ministro que sexa, debe ter o dereito de coaccionar a liberdade das persoas. Se seguimos nesta liña, España será a excepción en Europa, iso sí, a xente con recursos, e sobre todo a ligada o PP, que queira abortar irá a outros países para pasar este trámite”.
Os socialistas de Cervo lembran que “ata a chegada do PP ao Goberno de España, a sanidade era un servizo público de calidade e universal, que atendía a toda a poboación, sen discriminación de renda nin de grupo social, queremos que así siga sendo, non queremos dar nin un paso atrás. Intentaremos que o noso goberno municipal inste ó señor Feijóo a negarse a seguir os pasos do goberno estatal. Outras autonomías coa súa mesma cor política están a facelo e nós debemos seguir ese exemplo”.