Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vicepresidente da Deputación visitou as novas instalacións do pavillón de deportes de Ribadeo

pavillón ribadeoRibadeo, 28 de febreiro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, visitou, esta tarde, as novas instalacións do pavillón de deportes de Ribadeo, resultado dunha reforma integral que a institución provincial financiou cunha partida orzamentaria de 2.500.000 euros. Na visita tamén estivo o rexedor municipal, o nacionalista Fernando Suárez, quen agradeceu “esta inversión da Deputación que da resposta ás necesidades de índole deportivo tanto do concello como das escolas e clubs deportivos da localidade”.

Durante a visita, na que Veiga puido contemplar unha instalación deportiva totalmente renovada explicou que “a remodelación destas instalacións deportivas era necesaria xa que a edificación presentaba evidentes insuficiencias a nivel estrutural e de equipamento que imposibilitaban a práctica deportiva”.

Nos traballos de rehabilitación do pavillón só se conservaron os vestiarios, xa que se construíran recentemente. A nova infraestrutura conta cunha cuberta metálica de aceiro inoxidable formada por unha única peza, e no exterior conta tamén cun revestimento metálico. Ademais a instalación conta con dous accesos diferenciados, ademais dun ascensor e unha escaleira exterior de emerxencia.

A actuación plantexouse de cara a conseguir unha multifuncionalidade e polivalencia completa, con pistas de xogo que se adaptasen a calquera deporte de interior dos practicados habitualmente e que, ao mesmo tempo, fosen unhas instalacións que non requirisen dun manexo complicado nin de mantementos custosos e innecesarios.

A maiores, a infraestrutura posúe unha serie de despachos moi útiles para empregar como lugar administrativo, ademais do propio Concello, por parte dos clubs e asociacións deportivas de Ribadeo, e tamén unha sala de xuntanzas. Dentro das partes de obrigada construción segundo a normativa vixente aplicable a instalacións deportivas está a esixencia de contar cun cuarto destinado a enfermería e primeiros auxilios, polo que o pavillón tamén dispón dunha dependencia destinada a esta finalidade.

Xa no que se refire ao que son as obras de remodelación, actuouse no conxunto da infraestrutura porque ao mesmo tempo ampliáronse as medidas e a capacidade do pavillón, adaptándose á normativa vixente sobre temas de capacidade, algo que se reflicte por exemplo no aumento do número de localidades para espectadores, que pasou de 360 prazas a 500 de aforo. A zona de gradas elevadas conta, como é o habitual nas infraestruturas modernas de recente construción, cunha superficie fixa máis outra parte de gradas móbiles retráctiles, que se poden recoller para empregar o espazo total da pista de xogo ou ben estirar cando o evento que se dispute requira da máxima capacidade para o público.

Na mesma liña de posibilidades que ofrecen as gradas retráctiles, o pavillón dispón de lonas colgantes practicables, de maneira que poden ser dispostas para facer divisións na pista cando as gradas están recollidas e así lograr 3 campos de xogo diferentes que poden ser empregados de xeito simultáneo, o que favorece que esta infraestrutura deportiva acolla un uso intensivo concentrado en horarios similares.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da súa política deportiva, coa remodelación do pavillón de deportes de Ribadeo, segue na liña de consolidar a existencia dunha rede de instalacións deportivas públicas na provincia que dea resposta ás necesidades dos concellos nesta materia.

Exit mobile version