Santiago, 26 de feb. de 14. A maioría do Grupo Popular ven de impedir que prospere no Pleno do Parlamento a iniciativa socialista pola que se instaba á Xunta a establecer protocolos de emerxencias nos casos de alertas meteorolóxicas costeiras para protexer as vidas das persoas e os bens materiais, tales como a sinalización das zonas polas que non se pode transitar no caso de alerta, peche de estradas costeiras, peiraos, paseos marítimos, etc.
A proposición non de lei socialista, defendida polo portavoz de Pesca, José Ramón Val, demandaba tamén un crédito orzamentario para a recuperación das infraestruturas danadas e axudas para persoas e colectivos afectados polos danos dos temporais. Todo isto se fixera en colaboración cos concellos.
Falta a avaliación de danos en colaboración cos concellos, Val recrimina a falta de implicación do Executivo co sector primario, “onde hai centos e centos de explotacións danadas, invernadoiros derruídos, terreos asolagados, colleitas que nos serven para nada”, persoas que “agardan si van ter o apoio do Goberno galego e plantexándose deixar a actividade”.
Criticou que “o Goberno permaneza impasible, mesmo ante a situación do sector marisqueiro que desde decembro non traballou dous días seguidos, perdendo a campaña de Nadal e perderon compensala nos meses seguintes”, José Ramón Val cifra en entre 300 e 500 euros por embarcación e día.
Os socialistas propoñían que, en proporción ao perigo, se empreguen os medios dos que dispón a Comunidade Autónoma, por medio da cooperación do Estado, en materia de salvamento marítimo se empreguen para evitar riscos innecesarios.
Val salientou a descoordinación entre Xunta e Estado para a disposición dos medios de salvamento. Citou dous casos, “unha gabarra embarrancada en Camariñas da que afortunadamente quedou nun percance porque non contiña mercadorías perigosas, e o remolque do Abis Calais, un cargueiro holandés, que tamén puido acabar en desgraza pola incapacidade de fixar o remolque cos medios que se mobilizaron mentres se tiña inactivo un dos maiores remolcadores de Europa o DON INDA”.
Val recriminou aos populares que non apoiaran a recuperación do Seguro do Mal Tempo, posto en marcha polo Goberno de Touriño e que retirou Feijóo. Esta protección das xentes do mar evitaría a falta de ingresos durante o azote dos temporais.
Para José Ramón Val, o Goberno galego, lonxe de ter unha acción coordinada e dilixente vén amosando unha alarmante falta de acción, xa que máis alá do pertinente anuncio de alerta co seu correspondente nivel e a petición de prudencia á sociedade civil, non hai nada máis. “Bótanse en falla medidas e mecanismos para limitar o acceso a aquelas zonas máis expostas ao temporal, etc.”, apuntou.
“Existe outro camiño, prevención, protocolos de emerxencia, para protexer a vida das persoas”, dixo Val. Para iso, “é preciso coordinar a acción dos departamentos implicados e non o que se ven facendo: a descoordonación entre Emerxencias, Portos, etc. é absoluta”, criticou o deputado socialista.
Os efectos dos temporais son devastadores nunha parte importante do territorio, paseos marítimos derrubados, pontes e estradas invadidas cando non derruídas, patrimonio cultural en perigo, instalacións portuarias, escolleiras, sendas peonís, accesos ás praias, etc. totalmente deteriorados. O portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista considera que “o Goberno galego non está a actuar coa présa e a dilixencia que se require”.
O socialista recriminou ao voceiro popular, José Manuel Balseiro, que a súa política sexa “publicidade e propaganda”. “Sacaron unha axuda para o sector bateeiro de 1,5 M€, pero dividido por 3337 bateas, a axuda queda reducida a 400€ de axuda por batea”, reprochou o parlamentario socialista, “vostedes deixan totalmente desprotexidos aos afectados”, continuou.
Lembrou que desde que goberna o PP desapareceron todas as ordes de axudas por catástrofe e situacións especiais que se viñan poñendo a disposición dos sectores afectados. “Non me veña dicir que o Goberno sacou un Real Decreto, porque iso xa se viña facendo, o que vimos demandando son axudas adicionais por parte da Comunidade Autónoma como se viña facendo cando outros gobernos dirixían a Xunta”.
“Son vostedes uns irresponsables”, dixo Val dirixíndose á bancada popular. Así o pensan os docentes que critican que o Goberno delegue nos centros a suspensión das clases.