Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Burela aseguran que “o soldo hai que gañalo, como fan o resto dos traballadores e traballadoras de Burela, que cada vez son menos por culpa das políticas do PP”

Despois de ver a nota de prensa que fixo o alcalde do Partido Popular, Sr. Barcia, referente á súa baixada de solda “voluntaria”, dende o PSdeG-PSOE de Burela temos que aclarar o seguinte.

O Sr. Barcia unha de dúas, ou minte descaradamente ós veciños e veciñas de Burela, ou descoñece a lei 27/2013 do 27 de decembro de 2013 (lei de reforma das administracións locais). Para o PSdeG-PSOE de Burela tan grave nos parecería unha cousa como a outra. Pero neste caso parécenos que o Sr. Barcia minte descaradamente ós veciños e veciñas de Burela, xa que non entenderíamos que descoñecese o contido de dita lei. Non o podemos crer porque como xa se publicou nos distintos medios de comunicación alcaldes como o da Pontenova ou Lourenzá, por certo compañeira de partido do Sr. Barcia, xa tiñan anunciado fai tempo que se baixarían o soldo para cumprir a citada lei e non de forma voluntaria, senón porque a lei así o marcaba.

O Sr. Barcia que é un precursor na suba de impostos ós veciños e veciñas de Burela incluso antes de que as subidas se aproben onde se teñen que aprobar (véxase o caso da subida do canon de Sogama que o Sr. Barcia adiantándose ó que ditaba a Xunta de Galicia decidiu subila), non é capaz de cumprir a lei e baixarse o soldo e adaptalo ó que marca a lei en tempo e forma, e aínda encima di que foi unha baixada “voluntaria”. Danos a risa.

A lei de reforma das administracións locais marca claramente no seu artigo 75, que o soldo dos alcaldes de poboacións entre 5.001 e 10.000 habitantes, o caso de Burela, non pode superar o 55% do salario dun Secretario de Estado que está marcado en 100.000 euros, có que queda claro que o Sr. Barcia non se baixou o soldo voluntariamente, senón que o fai obrigado por esta lei, o Sr. Barcia minte descaradamente ós veciños e veciñas de Burela como xa nos ten acostumados.

De tódolos xeitos, o Sr. Barcia vai a ter un soldo de 45.000, có que cobrará 70 veces máis do salario mínimo interprofesional, que é o salario mínimo a percibir por calquera traballador marcado polo goberno do Partido Popular para o ano 2014. Entendemos que o Sr. Barcia non sae moi mal parado desta baixada tendo en conta este dato. É máis, dende o PSdeG-PSOE, xa que o Sr. Barcia fala dun exercicio de responsabilidade propoñémoslle que aínda pode baixalo máis, e sen que lle manden, non baixalo o xusto para cumprir a lei e nada máis pero supoñemos que esta baixada de soldo será compensada polo Sr. Barcia noutros conceptos como dietas, xa sabemos cales son os intereses do Sr .Barcia por Burela.

Dende o PSdeG-PSOE de Burela queremos pedirlle ó Sr. Barcia unha vez máis, que non minta ós veciños e veciñas de Burela, e que non trate de enganalos porque xa o coñecen moi ben e saben cales son os intereses do Sr. Barcia. Por último dicirlle que o soldo hai que ganalo como fan o resto dos traballadores e traballadoras de Burela, que cada vez son menos por culpa das políticas do Partido Popular, e que faga algo a prol dos veciños e veciñas que está a demostrar que non merece o seu soldo xa que non aporta absolutamente nada a Burela pola súa nula xestión.

Exit mobile version