Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian “falla de prevención e dilixencia” do goberno galego fronte aos temporais

Santiago de Compostela, 05 de febreiro de 14. O portavoz de Mar do Grupo Socialista, José Ramón Val, lamentou este mércores a “falla de prevención e dilixencia” do goberno galego á hora de afrontar os temporais do inverno. O responsable socialista lamentou a “falla de solvencia de Feijóo” á hora de avaliar os danos dos temporais, en contraste coa premura e disposición a apoiar á Igrexa a reparar o santuario de Muxía, queimado por un lóstrego.

José Ramón Val criticou a falla de actuacións por parte do goberno galego, que, dixo, “ninguén é responsable da meteoroloxía, pero si de tomar accións que minimicen as súas consecuencias”. Neste mesmo sentido, lamentou a falla de balizamentos ou cortes de paseos marítimos para sinalar as zonas de perigo por mor do temporal e así paliar os accidentes que poidan ter lugar.

Presentou unha batería de iniciativas nas que lle reclamou ao goberno galego que “depure responsabilidades e dea conta das deficiencias” nos medios de prevención e salvamento. Reclamoulle ás consellerías de Presidencia e do Mar que “activen os protocolos necesarios” para facer fronte a esta situación e pregunta “si o presidente da Xunta está a coordinar as accións do seu goberno”.

O parlamentario socialista lamentou a “falla de solvencia” do presidente da Xunta á hora de valorar os danos dos temporais, e advertiu que “ningún responsable do goberno galego acuda a comprobar os danos” en contraste coa celeridade coa que o presidente da Xunta visitou o santuario da Virxe da Barca e puxo á disposición da Igrexa os recursos públicos para paliar os danos.

Presentou así unha proposición non de Lei na que lle reclama ao goberno galego que realice de forma inmediata unha avaliación dos danos, ademais de habilitar unha liña de axudas en colaboración cos concellos “co fin de establecer un plan de recuperación das infraestruturas públicas municipais danadas”.

Tamén reclamou a recuperación do seguro de mal tempo para os pescadores e marisqueiros galegos, que logo dos temporais, a día de hoxe xa terían recabado o máximo de 2.500 euros que estaban previstos para o caso de que as condicións climatolóxicas impediran faenar.

Descoordinación
Logo de felicitar aos tripulantes do helicóptero Pesca II polo recente rescate de 5 tripulantes dunha embarcación, advertiu da descoordinación dos medios do goberno galego e do Ministerio de Fomento. Sinalou que este foi o motivo de que enviaran un só remolcador para rescatar dous barcos hai 15 días en Camariñas, co resultado de que un deles, unha gabarra, embarrancara nas costas.

O mesmo sucedeu no caso do cargueiro holandés Don Inda, que veu as serias dificultades coas que se atoparan os tres remolcadores enviados á zona, mentres o Don Inda, o maior remolcador das nosas costas e supostamente asignado a Galicia, permanecía desaparecido.

Iniciativa
O parlamentario socialista esixiulle ao goberno galego que cumpra “de inmediato” coa iniciativa socialista aprobada hoxe na Comisión de Pesca para que a Xunta realice unha avaliación dos danos ocasionados pola maruxía de nadal e dos temporais precedentes “a fin de elaborar un plan de recuperación, reparación e consolidación das infraestruturas costeiras e portuarias danadas e destruídas”.

Ademais, reclama os créditos orzamentarios que fagan falta para acometer as obras de restauración, reparación ou reconstrución das infraestruturas danadas ou destruídas” e acometer as obras en prazos “que permitan a plena operatividade das infraestruturas e servizos costeiros e portuarios no menor tempo posible”.

A iniciativa socialista reclamaba así mesmo que o goberno garanta a operatividade destas infraestruturas antes da campaña turística do próximo verán “e fagan menos difícil a actividade pesqueira e portuaria habituais”.

Exit mobile version