Os máis de mil quilos de prendas de vestir, de cama e do fogar, zapatos, bolsos ou almofadas, vendéronse ao peso e cos cartos recadados Cáritas, que foi a promotora desta iniciativa, axudará ás familias con menos recursos a cubrir as súas necesidades básicas. O departamento de Servizos Sociais do Concello de Cervo colaborou dende o principio, ofrecendo as súas instalacións para o almacenamento da roupa.
Desta maneira, a administración local habilitou varios puntos de recollida distribuídos polo municipio, onde a cidadanía puido depositar as súas pezas. Pero tamén ofreceu a Cáritas un lugar onde centralizar o almacenamento e que albergou toda a roupa ata o momento da recollida, situado en Sargadelos, tanto a procedente dos diferentes puntos do municipio como doutros concellos da zona que tamén colaboraron. Ao mesmo tempo, a administración cervense destinou recursos humanos e materiais, ocupándose do transporte dos diferentes puntos ata a base central, e outras tarefas.
Cabe destacar que, ademais da roupa vendida nesta remesa, foron moitas as pezas que se aproveitaron dende xuño ata agora. Así, dende que se comezou a recibir roupa fíxose unha preselección para poder doar ás familias aquelas prendas que se atopasen en bo estado. De feito, repartíronse maioritariamente sabas e toallas a aquelas persoas que o necesitaron. Unha vez abastecidas as familias da zona, enviouse roupa ao Sáhara, especialmente pezas para bebés e nenos, a poboación con máis carencias. Desta maneira, pódese dicir que a roupa recadada superou en realidade a tonelada, aínda que non toda tivo o mesmo destino, diferenciándose entón a doada ás familias e a vendida para reciclar.
Agradecementos
A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, quixo dar as grazas “a todas as persoas que colaboraron e que doaron a súa roupa, porque o éxito desta campaña está na súa implicación e nas súas ganas de axudar”. Por suposto, Armada asegura que “iniciativas coma esta, apoiadas polos veciños, demostran que todos xuntos podemos facer cousas moi beneficiosas para a sociedade”.
Ao mesmo tempo, a responsable de Servizos Sociais tamén destaca a labor que leva a cabo Cáritas Diocesanas e a Unidade Pastoral de Cervo, que foi a impulsora desta medida. Armada tamén ofreceu a colaboración do Concello para futuras actuacións deste tipo.
Esta iniciativa tamén contou coa colaboración das Unidades Pastorais de Burela e Xove.